Hai verdades cuxo contido non podemos coñecer sen que se nos revele, e aínda revelado non podemos comprender nin explicar. Un destes problemas é a obra do Espírito Santo nas nosas almas. A única maneira de percibir o dinamismo do Espírito en nós, é estudándoo a través dos seus dons e dos seus froitos.
Para
facernos comprender en que consiste o don do Espírito, a Escritura Santa, máis
que explicarnos conceptos, convídanos a mirar o comportamento de Xesús co seu
Pai e connosco.
A
revelación, máis que falarnos de ideas, danos exemplaridades, para que as
imitemos; e esperta en nós o interese por saborear a sublimidade das cousas
sobrenaturais, mirándoas cos ollos do corazón. Así o fixo o Señor. Terminada a
obra da creación, mirou todo o que fixera, e exclamou: “Todo é bo, e o home é
moi bo”. Esta contemplación do ben que Deus fixera, debe suscitar en nós
sentimentos de admiración e gratitude, e estimularnos a protexelos e, na medida
que de nós depende, facer que todo o que Deus fixo, creza cuantitativa e cualitativamente.
Este foi o encargo que nos fixo o Creador: “Crecede e multiplicádevos…” E para
que podamos levalo a bo termo, fíxonos o prezado agasallo da ciencia. Isto non
nos prohibe coidar o temor de Deus, que nunca debemos identificar co medo ao
mesmo Deus. O medo implica sospeita de presenza de perigo no outro; cousa que
xamais é posible pensar de Deus, infinitamente bo e benfeitor.
O que si
cabe é o “temor” pola nosa banda, froito do recoñecemento de non saber
corresponder aos dons do Señor.
O medo
afasta do perigo, en previsión de evitalo. O temor estimula o interese da
propia superación para corresponder ao ben recibido. Os dons estimulan a
superación para evitar o temor, e axúdannos a tomar conciencia de que estamos
en débeda co Señor, e de que saldar débedas é un deber de conciencia, que non
debemos esquecer.
Para
estimular o cumprimento das nosas obrigacións, Deus rodéanos dun cúmulo de
beneficios, chamados dons do Espírito Santo, que crean en nós unha actitude
proclive a corresponder a tantos favores recibidos, recoñecéndoos e
correspondéndoos cun comportamento grato ao Señor. Este comportamento propio
dun bo cristián é o froito do Espírito Santo, regalado do alto, pero está
condicionado polas nosas limitacións humanas, como o están as espigas do trigal,
pola calidade da terra en que foron sementados os grans e polo clima que
acompañou ao gran desde a súa sementa até a súa sazón. Estes condicionantes non
os pode esquecer o agricultor, responsable do froito do mañá. Se del dependese
o clima, todo o inverno sería primavera, o froito estaría asegurado, e o pan
garantido, pero o clima non depende da man do sementador. Da súa man si que
depende o fertilizado do campo, o cultivo da terra, a eliminación das alimañas
e de todo o que poida entorpecer o normal crecemento da semente.
O sol é
indispensable para que o campo produza froito, pero a responsabilidade do
hortelán condiciona a abundancia da colleita.
Non botemos
balóns fóra: tiremos a porta.
Indalecio
Gómez
Cóengo da
Catedral