domingo, 14 de diciembre de 2014

LECTURAS

III DOMINGO DE ADVENTO - CICLO B

  
Primeira Lectura          Is 61, 1-2a. 10-11
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Alegrareime con grande gozo no Señor

O Espírito do Señor, Deus, está sobre min, porque o Señor me unxiu.
Mandoume anunciar a boa nova aos pobres, curar os de corazón esnaquizado,
proclamarlles aos cativos o indulto e aos presos a liberación,
e promulgar un ano de graza  do Señor e o día do rescate do noso Deus.
Exulto ledicioso no Señor,
e a miña alma relouca no meu Deus,
por me vestir con roupas de salvación
e me envolver co manto da xustiza,
coma noivo cinguido con coroa,
coma noiva que se adorna coas súas xoias.
Pois, como a terra fai saír os seus gromos,
e como un horto fai brotar as súas sementeiras,
así o Señor fará brotar a xustiza,
e a loanza ante todos os pobos.
                                                                                                                                           
   Palabra do Señor                          R/ Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL        Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
R/. (Is 61, 10b): A miña alma exultará no Señor, meu Deus.

Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito en Deus, o meu Salvador.
Porque reparou na humillación da súa escrava.

Desde agora
chamaranme ditosa
todas as xeracións,
porque fixo marabillas
en min o Poderoso;
o seu nome é Santo.
A súa misericordia chega
xeración tras xeración
a todos os que o temen.

Os famentos encheunos de bens,
e os ricos despediunos baleiros.
Amparou a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia.
                                                                                                                                           

Segunda Lectura          1 Tes 5, 16-24
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO AOS  TESALONICENSES
Gardade a vosa vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor

Irmáns:
Estade sempre alegres. Orade constantemente. Dade grazas  en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns.
Non apaguedes o Espírito; non desprecedes as palabras inspiradas.
Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo.
Afastádevos de toda especie de mal.
Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser espírito, alma e corpo se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.
Pois o que vos chama é fiel, hao facer.

   Palabra do Señor                          R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            

ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.


Evanxeo           Xn 1, 6-8. 19-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No medio de vós está aquel a quen non coñecedes

Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:
Ti quen es?
El declarou e non negou. Declarou:
Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
Non son.
Es o profeta?
Respondeu:
Non.
Daquela dixéronlle:
E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron. Que dis de ti mesmo?
El dicía:
Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" como escribira o profeta Isaías.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
Entón, por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.
Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.



   Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Vivimos un momento de pesimismo e sensación de derrota. Aqueles nos que confiabamos fóronnos decepcionado: os políticos menten e corrómpense; os banqueiros engánannos e sácannos os cartos; na Igrexa hai curas que abusan e lle fan dano aos máis pequenos e inocentes; no fútbol os grandes contratos fannos sentir humillados porque con pouco que fagan gañan todo que, sumados todos os membros e idade laboral da nosa familia, non somos capaces de gañar en trinta anos. É logo….,as cousas só son así? Non haberá raiola de luz nin de esperanza ningunha?

Se a nosa análise fose só superficial teriamos que dicir que si; pero se afondamos un pouco, seguro que somos capaces de descubrir políticos honestos e traballadores –os que nunca saen nos telexornais-, traballadores de banco que cumpren co seu horario e tentan servir aos seus clientes;  curas que sen facer cousas espectaculares, intentan estar ao lado de que sufre, axudar a quen non ten ou visitar a quen está enfermo; mesmo hai xente nova que cada semana xoga a fútbol porque lle gusta e divirte.
Todo isto dinos que hai outra foto da nosa sociedade. Claro que é unha foto que non está no foco da noticia nin no horario estelar de emisión das grandes cadeas. Si, hai esperanza, hai vida, hai moitas vidas dándose para levar agarimo, paz, acollida e solidariedade a quen a necesite. Unámonos tamén nós a esta xeira, aparentemente invisible nos medios espectáculo, e fagamos da vida unha experiencia de compartir sorrisos e esperanzas.

Que o tempo de Advento sexa a nosa liña de saída nesta carreira por facer visible a esperanza, que a hai, ao noso redor, e de unirnos nós tamén a ela!