sábado, 15 de febrero de 2014

Lecturas

VI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A


Primeira Lectura     Sir 15, 16-21
LECTURA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
A ninguén mandou actuar inicuamente
 
            Se ti queres, podes gardar o precepto,
facer a súa vontade é sinal de intelixencia.
Puxo diante de ti o lume e mais a auga:
bota a man ao que prefiras.
            Diante de cada home están a vida e a morte:
o que arele: iso daráselle;
pois grande é a Sabedoría do Señor,
El é potente e egrexio e todo o dexerga.
            Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas
e El penetra as accións de cadaquén.
            Non lle mandou ao home que pecase
nin deu pé aos homes falsos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 118, 1-2. 4-5. 17- 18. 33-34
R/.  (1b):  Ditosos os que proceden conforme á lei do Señor.

Ditosos os de conduta impecable,
os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os que observan os seus mandatos
e o procuran de todo corazón.

Ti deches os teus preceptos,
para que se cumpran con esmero.
Que o meu proceder sexa firme
en gardar os teus decretos.

Faille ben ao teu servo, para que viva
e garde a túa palabra.
Ábreme os ollos para que vexa
as marabillas da túa lei.

Amósame, Señor, o camiño dos teu preceptos,
e seguireino ata a fin.
Dáme entendemento para observar a túa lei,
e gardareina de todo corazón.


Segunda Lectura   1 Cor 2, 6-10
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Deus tiña predestinada unha sabedoría antes dos séculos para a nosa gloria
 
            Irmáns:
            O que predicamos entre os cultivados é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo.
            Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria.
            Ningún dos xefes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. Pero como está escrito:
            O que o ollo non viu,
o que o oído non sentiu,
e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
            E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra
porque revelaches os misterios do Reino aos humildes.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 5, 17-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Tal se lle dixo aos antigos; pero eu vos digo
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento.
            Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.
            E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.
            Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
            Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu vos digo: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
            Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.
            Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
            Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio.  Pois eu vos digo: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
            Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
            Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu vos digo: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
            Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor.
            Pero eu vos digo: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo.
            Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

* A liberdade, sendo tarefa e don para todos nós, é o elemento fundamental que nos define como persoas. Se non somos libres quedamos reducidos a simples cousas, podendo facer con nós o que lle pete a quen ten poder ou autoridade. Pero como as persoas somos libres, a tentación de dominar e someter aos demais ata convertelos en escravos ao noso servizo afástanos destes comportamentos. Porén, as persoas, e fundamentalmente os cristiáns, temos como esixencia loitar contra calquera intento, noso ou doutros, de mandar e someter aos demais a todo canto nós queiramos. O escravismo físico, tristemente, durou demasiados séculos; pero o escravismos moral segue na mente e no actuar de moitas persoas que se cren no dereito de impoñer os seus criterios sen respectar nin ás outras persoas nin o que esas outras persoas pensan ou cren. E a isto non escapa ninguén dos estamentos que conforman a nosa sociedade: políticos, económicos, culturais, empresariais… e mesmo os relixiosos. Hai persoas que parece que non se senten tales se non son capaces de reducir á nada a aqueles que “consideran inferiores”. Dicimos consideran, porque realmente non o son: Deus, en quen cremos e confiamos para ir facendo do mundo casa e fogar común de acollida, créanos libres e con capacidade de desenvolver ideas, proxectos, ilusións ou esperanzas, e esa capacidade non pode ser nin secuestrada nin sometida polo poder de ninguén. De aí o importante que é sempre actuar en conciencia, segundo as propias conviccións, sen deixarse manipular nin mangonear por ninguén. É verdade que isto non é sempre doado, que moitas veces supón enfrontarse ao poder. Pero non é menos verdade que canto poidamos e consigamos facer para salvagardar a nosa dignidade, creada libre, redundará en beneficio da nosa propia vida e da dos que veñen tras de nós. Como senón foi avanzando a sociedade ao longo destes anos? O esforzo -mesmo pagado coa súa propia vida-, de tantas persoas que non deixaron que lles secuestrasen a súa liberdade, foi abrindo camiño para as xeracións que viñamos detrás. Pois a esa mesma tarefa e esforzo estamos hoxe chamados nós. A lectura do libro do Eclesiástico non fai máis que lembrarnos algo que tiña que estar gravado a ferro, como sinal imborrable, nas nosas vidas, no noso corazón e no noso pensamento: somos libres, e ninguén, por moito que se esforce, e aínda que aparente ou externamente o pareza, interiormente ninguén nos poderá negar nin quitar a liberdade. O “se queres” ao que nos chama indícanos que a capacidade de elixir, escoller e optar está en nós, e non podemos nin delegala nin vendela a quen mellor pague ou máis ofreza, como tantas veces se ten feito no nome de beneficios ou prebendas. Claro que para poder facer esa elección necesitamos tempo de reflexión e elenco de valores desde os que ir crecendo, educándonos e formándonos. Da nada, nada ben; polo que a educación é o único camiño a través do que imos crecendo, aprendendo e descubrindo que nin todo é igual nin todo vale. Hai situacións, comportamentos e decisións que, por moi rendibles que nos poidan parecer, non son máis que un xeito de secuestrar a nosa liberdade e de incapacitarnos para poder actuar desde ela.

* E a prestarlle atención a este xeito de írmonos facendo, é ao que nos chama tamén Paulo na carta que lles escribe aos corintios. A sabedoría de Deus, que é sabedoría de fraternidade, diálogo, encontro, escoita … misericordia, é a que mellor nos axuda a entender que esa liberdade que posuímos é liberdade para construír o ben común, a solidariedade, participación, paz, igualdade... e sempre desde o amor. Un amor que todo o abrangue e no que estamos invitados a camiñar. Pero atención, cando falamos do amor de Deus, non estamos a referirnos a ese sentimento que paraliza a razón e moitas veces non deixa que actuemos con criterio e capacidade de discernimento; non, o amor ao que nos chama sempre e nos invita desde o noso día a día Deus, é o amor que posibilita recoñecer ao que temos ó noso carón como irmán, a quen está lonxe como igual, e a cantos formamos parte do que chamamos mundo como colaboradores do seu plan; un plan que non xustifica nin a degradación nin a inxustiza. Ser persoas libres esíxenos poñelo de manifesto en cada momento cos nosos comportamentos e coas nosas accións; sendo este unha esixencia, un principio irrenunciable para quen se quere chamar cristián, e polo tanto, testemuña de Xesús a través do seu actuar.
* Non son logo de estrañar as antíteses -contraposicións- que nos presenta Xesús no evanxeo de hoxe. Fronte ao tantas veces repetido “díxosevos”; é dicir: este é así, aquel deste outro xeito; isto fíxose sempre, aquilo non se pode cambiar; isto hai que dicilo
deste xeito, aquilo supón isto outro… Xesús rompe con costumes e normas para volver recalcar que só se somos capaces de mostrarnos e de actuar con liberdade entenderemos a súa mensaxe e descubriremos o que significa levar aos noso beizos a palabra, hoxe tan depreciada, irmán. Fronte a esta visión estática e rutineira das cousas, proponnos El o, “pero eu dígovos”, o que nos chama a ser creativos, dialogantes, misericordiosos, dinámicos, esperanzados e sempre dispostos a ver a realidade desde as moitas caras que a conforman, e non soamente a que nós pensamos que é única. Na pluralidade á que nos chama Xesús constrúese a liberdade de cantos formamos parte deste mundo.... que moitas veces non nos gusta, pero que entre todos temos que ir sacando adiante e mellorando.