sábado, 15 de febrero de 2014

Reflexión

* A liberdade, sendo tarefa e don para todos nós, é o elemento fundamental que nos define como persoas. Se non somos libres quedamos reducidos a simples cousas, podendo facer con nós o que lle pete a quen ten poder ou autoridade. Pero como as persoas somos libres, a tentación de dominar e someter aos demais ata convertelos en escravos ao noso servizo afástanos destes comportamentos. Porén, as persoas, e fundamentalmente os cristiáns, temos como esixencia loitar contra calquera intento, noso ou doutros, de mandar e someter aos demais a todo canto nós queiramos. O escravismo físico, tristemente, durou demasiados séculos; pero o escravismos moral segue na mente e no actuar de moitas persoas que se cren no dereito de impoñer os seus criterios sen respectar nin ás outras persoas nin o que esas outras persoas pensan ou cren. E a isto non escapa ninguén dos estamentos que conforman a nosa sociedade: políticos, económicos, culturais, empresariais… e mesmo os relixiosos. Hai persoas que parece que non se senten tales se non son capaces de reducir á nada a aqueles que “consideran inferiores”. Dicimos consideran, porque realmente non o son: Deus, en quen cremos e confiamos para ir facendo do mundo casa e fogar común de acollida, créanos libres e con capacidade de desenvolver ideas, proxectos, ilusións ou esperanzas, e esa capacidade non pode ser nin secuestrada nin sometida polo poder de ninguén. De aí o importante que é sempre actuar en conciencia, segundo as propias conviccións, sen deixarse manipular nin mangonear por ninguén. É verdade que isto non é sempre doado, que moitas veces supón enfrontarse ao poder. Pero non é menos verdade que canto poidamos e consigamos facer para salvagardar a nosa dignidade, creada libre, redundará en beneficio da nosa propia vida e da dos que veñen tras de nós. Como senón foi avanzando a sociedade ao longo destes anos? O esforzo -mesmo pagado coa súa propia vida-, de tantas persoas que non deixaron que lles secuestrasen a súa liberdade, foi abrindo camiño para as xeracións que viñamos detrás. Pois a esa mesma tarefa e esforzo estamos hoxe chamados nós. A lectura do libro do Eclesiástico non fai máis que lembrarnos algo que tiña que estar gravado a ferro, como sinal imborrable, nas nosas vidas, no noso corazón e no noso pensamento: somos libres, e ninguén, por moito que se esforce, e aínda que aparente ou externamente o pareza, interiormente ninguén nos poderá negar nin quitar a liberdade. O “se queres” ao que nos chama indícanos que a capacidade de elixir, escoller e optar está en nós, e non podemos nin delegala nin vendela a quen mellor pague ou máis ofreza, como tantas veces se ten feito no nome de beneficios ou prebendas. Claro que para poder facer esa elección necesitamos tempo de reflexión e elenco de valores desde os que ir crecendo, educándonos e formándonos. Da nada, nada ben; polo que a educación é o único camiño a través do que imos crecendo, aprendendo e descubrindo que nin todo é igual nin todo vale. Hai situacións, comportamentos e decisións que, por moi rendibles que nos poidan parecer, non son máis que un xeito de secuestrar a nosa liberdade e de incapacitarnos para poder actuar desde ela.

* E a prestarlle atención a este xeito de írmonos facendo, é ao que nos chama tamén Paulo na carta que lles escribe aos corintios. A sabedoría de Deus, que é sabedoría de fraternidade, diálogo, encontro, escoita … misericordia, é a que mellor nos axuda a entender que esa liberdade que posuímos é liberdade para construír o ben común, a solidariedade, participación, paz, igualdade... e sempre desde o amor. Un amor que todo o abrangue e no que estamos invitados a camiñar. Pero atención, cando falamos do amor de Deus, non estamos a referirnos a ese sentimento que paraliza a razón e moitas veces non deixa que actuemos con criterio e capacidade de discernimento; non, o amor ao que nos chama sempre e nos invita desde o noso día a día Deus, é o amor que posibilita recoñecer ao que temos ó noso carón como irmán, a quen está lonxe como igual, e a cantos formamos parte do que chamamos mundo como colaboradores do seu plan; un plan que non xustifica nin a degradación nin a inxustiza. Ser persoas libres esíxenos poñelo de manifesto en cada momento cos nosos comportamentos e coas nosas accións; sendo este unha esixencia, un principio irrenunciable para quen se quere chamar cristián, e polo tanto, testemuña de Xesús a través do seu actuar.
* Non son logo de estrañar as antíteses -contraposicións- que nos presenta Xesús no evanxeo de hoxe. Fronte ao tantas veces repetido “díxosevos”; é dicir: este é así, aquel deste outro xeito; isto fíxose sempre, aquilo non se pode cambiar; isto hai que dicilo
deste xeito, aquilo supón isto outro… Xesús rompe con costumes e normas para volver recalcar que só se somos capaces de mostrarnos e de actuar con liberdade entenderemos a súa mensaxe e descubriremos o que significa levar aos noso beizos a palabra, hoxe tan depreciada, irmán. Fronte a esta visión estática e rutineira das cousas, proponnos El o, “pero eu dígovos”, o que nos chama a ser creativos, dialogantes, misericordiosos, dinámicos, esperanzados e sempre dispostos a ver a realidade desde as moitas caras que a conforman, e non soamente a que nós pensamos que é única. Na pluralidade á que nos chama Xesús constrúese a liberdade de cantos formamos parte deste mundo.... que moitas veces non nos gusta, pero que entre todos temos que ir sacando adiante e mellorando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario