lunes, 26 de octubre de 2020

TAREFAS IMPORTANTES E URXENTES A ABORDAR NA IGREXA RURAL

"A alternativa pasa xa non por máis ou menos curas, senón por un modelo eclesial novo, que se está querendo empezar a dar a través do que chamamos as UPAs (Unidades Pastorais)"

1.- RECOÑECEMENTO DA ALDEA E DA XENTE QUE A HABITA

O recoñecemento parécenos unha actitude básica en calquera persoa ou institución que queira desenvolver unha presenza nas aldeas. Este recoñecemento debe ollar cara ao pasado, cara ao presente e cara ao futuro. Porque a aldea está cargada de futuro.

Cara ao pasado, porque a aldea galega é herdeira dunha longa presenza humana caracterizada polo esforzo, pola cohesión, polo sufrimento, pola creatividade, pola busca, pola capacidade organizativa, polo abuso sufrido, pola xeración dunha cultura propia, na que salienta a propia lingua; tamén, por suposto, por moitas fraxilidades e ruindades. A aldea é tamén herdeira dunha longa presenza crente, que callou nunha relixiosidade popular propia, crítica e/ou agradecida co clero, ambivalente, seguro, pero moi sabia ao atinar no fundamental: non hai mellor práctica cristián que o amor, o servizo á xente, a atención ás persoas débiles da comunidade.

Cara ao presente, porque a aldea galega amosa riscos moi severos de fraxilidade que fan dubidar polo seu futuro tanto civil como eclesial, pero que ofrece tamén presenzas humanas e crentes significativas, que permiten confiar e soñar. E o fráxil perténcenos por dereito evanxélico.

Cara ao futuro, porque a aldea galega está chea de recursos naturais, ambientais, laborais, mesmo ás veces organizativos, que no civil permiten soñar coa posibilidade dunha inversión da tendencia ao abandono; e no relixioso, polo don especial da figura de Xesús e da súa Boa Nova, vivida en pequenos grupos rurais, ten garantida unha nova igrexa aldeá, rural, humilde e vigorosa.

2.- UNHA ORGANIZACIÓN ECLESIAL ALTERNATIVA

O cura toca a campá para a misa e a xente non acode. Isto é frecuente, tanto así que mesmo parece que os curas, poucos, aínda sobran, porque a súa tarefa ten que ver sobre todo cos rituais funerarios.

A alternativa pasa xa non por máis ou menos curas, senón por un modelo eclesial novo, que se está querendo empezar a dar a través do que chamamos as UPAs (Unidades Pastorais). É importante facer unha aposta a fondo por esta alternativa, fuxindo dunha simplificación da mesma que acabaría arredando das aldeas a presenza e a acción da comunidade cristiá. Dicir UPA é dicir “equipo interparroquial de base” (EIB, desde agora), sobre o que descanse a iniciativa comunitaria. Equipo parroquial con novos liderados de homes ou mulleres segrares, acompañados/as por curas na medida do posible. EIB que, ollando de preto, cos ollos da intelixencia e do corazón a realidade da xente que vive nas aldeas, sexa capaz de elaborar un proxecto de acompañamento cristián, evanxélico, para llo ofrecer á xente da contorna. Isto sería o arrinque desa “conversión pastoral” á que o Papa urxía xa ao comezo do seu papado na E.G. 25. 27. Unha nova configuración, uns novos ministerios para unha nova realidade de igrexa aldeá.

3.- PRESENZA HUMILDE

Cómpre borrar de todo a vinculación da Igrexa co poder deste mundo: “entre vós non pode ser así” (Mt 20,26a), dicía Xesús. E facelo en todos os campos posibles: institucións pobres ao servizo da xente máis empobrecida sobre todo; formas humildes na palabra, na relación, no trato; fuxida de todo tipo de autoritarismo cara a dentro e cara a fóra, e, si, busca da “autoridade” da palabra (cfr. Mc 1, 27) desde a transparencia e a coherencia da vida;  abandono do clericalismo (en clero e leigos/as) como poder sobre a vida, a conciencia e as capacidades da xente, dentro dun proxecto de comunidade cristiá que aspire sempre, en todo, a andar por camiños sinodais (falar e escoitar, propoñer e acoller), cara a dentro do grupo e nas relacións co exteror; fuxir dos focos de poder, que crean pensamento, ideoloxía interesada; frecuentar as casas e vidas da xente empobrecida, ata amigar intimamente con ela dentro do posible, dentro do respecto. Ser comunidade pobre, para poder ser comunidade libre para Deus e para o seu pobo. E, por suposto, liberar os sacramentos e calquera outro servizo relixioso de calquera dependencia do diñeiro: dar gratis o que foi recibido gratis. Outro cousa é aspirar por outros medios a que a comunidade asuma os gastos que o seu funcionamento leva consigo (cfr. Mt 10, 5-13).

4.- ANDAR OS CAMIÑOS

Se a xente non acode á igrexa, ou faino en pequenísimas proporcións, a Igrexa debe acudir á xente. A Igrexa en saída. Non é doado emprender este camiño, porque estabamos afeitos a que a xente viñese, a que a presión social, o medo social, ou o medo íntimo atraese a xente. Grazas a Deus perdéronse estes medos. Grazas a Deus xa pouca xente lle ten medo a Deus. E isto permite poder empezar a construción das comunidades cristiás case de cero, desde un cero igual ben positivo. E cómpre facelo desde o ofrecemento de algo que atraia, que convenza, que a xente experimente como de valor para a propia vida.

O método evanxelizador de Xesús foi sintetizado atinadamente polo papa Francisco no n. 24 da E.G., en cinco movementos recollidos en cinco palabras: “primerear”, involucrarse, acompañar, frutificar e festexar. Este debería ser o modelo de evanxelización que ofrecesen eses novos EIB aos que nos referimos máis arriba. Todo o proceso remata no quinto momento, o de festexar, que ten que ver fundamentalmente coa celebración festiva da Eucaristía, aínda que tamén pode implicar outros elementos festeiros. Moitas veces non sabemos ofrecer máis que o momento de celebrar a Eucaristía, pero desatendemos os catro momentos anteriores. Dese xeito, pretendendo quizais resaltar o valor da Eucaristía como actividade relixiosa senlleira, como fonte e cumio da vida cristiá, o que fixemos foi desvalorizar as Eucaristías dominicais, quitándolles a súa verdadeira razón de ser. E, quizais razoablemente, a xente pouco a pouco foilles perdendo o aprecio, porque as Eucaristías perderon moito do sentido que deberan ter: pechar un denso recorrido previo.

Cada UPA deberá concretar en que converter como práctica diaria ese  “primerear”, involucrarse, acompañar, frutificar e festexar. Todo fala de andar canda a xente, coñecer, atender, escoitar, acoller, implicarse coas persoas, acompañar procesos, posibilitar avances a calquera nivel humano e  espiritual, para poder celebrar. Andar os camiños da vida, como Xesús, facéndose encontradizo coa xente máis empobrecida, por plan e proposta, por instinto, por ambiente de pobreza do que un se rodea (o pobre chama polo pobre), por sensibilidade evanxélica, polo exemplo e guía do mesmo Xesús, que é o noso referente misioneiro especial.

5.- COIDAR A RELIXIOSIDADE POPULAR

No medio aldeán está bastante viva a relixiosidade popular. Está centrada sobre todo no relacionado coas persoas defuntas, na concorrencia a certos santuarios, no apego polas festas patronais e na estima sobre todo por dous sacramentos: bautismo e primeira Comuñón. Pode isto considerarse como algo insubstancial, pero é o que hai; é a lapiña fumegante, a cana cascada que dicía o profeta Isaías (cfr. Is 42,3). O papa Francisco ten urxido repetidamente a respectar, valorar e coidar esta relixiosidade popular, no que ten de mérito en si mesma, no que significa de afirmación laical ante as urxencias do clero, e no que ten de semente para un desenrolo que leve á madureza na fe. (E.G. 122-126). Pero de entrada é necesario reverenciar esta vinculación relixiosa vivida e expresada en formas humildes, fráxiles.

Venerala e coidala. Non vale criticala e ao tempo seguir vivindo á conta dela en todos os sentidos, ata nos máis prosaicos. A relixiosidade popular debe ser obxecto de acompañamento para que sexa fortalecida e dea de si todo o que de si pode dar, que é moito. Un acompañamento cristián, é dicir, que axude a que as persoas a través dos elementos, tempos e ritos que gustan de realizar se vexan arrastradas, con respecto á decisión, cara á persoa de Xesús, cara á cerna da súa Boa Nova. É moito o que se pode mellorar no relativo aos funerais, para arredalos do ton rutineiro que frecuentemente os domina. As persoas responsables han de coidar moitísimo as palabras, mensaxes, insistencias que transmiten. E o mesmo se pode dicir das prácticas relixiosas vinculadas aos santuarios. A clave pode estar na proximidade vital ao pobo que se acompaña e no feito de que as persoas que poidamos animar estes momentos esteamos enchoupados de Evanxeo, ou querendo estalo. Ninguén dá o que non ten.

Se o pobo é fráxil na fe e na expresión da mesma en boa medida débese á mesma pobreza das persoas que durante anos e anos o estivemos acompañando. Debémonos agora a esa fraxilidade. O reto é saír adiante como pobo, como comunidade, sen deixar abeirado a ninguén.

6.- OFRECER PROCESOS DE MADURACIÓN CRISTIÁ

Todos recoñecemos que os procesos catequéticos que vimos ofrecendo (referidos case exclusivamente a nenos/as e adolescentes, na escola e nas parroquias) teñen bastante de fracaso. Non callan na incorporación adulta da xente á comunidade cristiá parroquial. As razóns poden ser múltiples. Descargar dalgunha maneira nas estruturas civís (ensino) a misión de formación evanxelizadora, quizais no fondo debilítanos como comunidade xeradora de vida. Posiblemente teña moito que ver a falta dunha comunidade cristiá viva como referencia. Entón todo é unha roda: non hai catequese viva, fecunda, porque non hai comunidade; non hai comunidade viva, porque non hai catequese.

O EIB debería formarse precisamente a partir dun proceso catequético propio, que, vivido e convertido en fonte de implicación comunitaria, posteriormente puidese ser ofrecido ao conxunto da comunidade parroquial, a nenos/as e persoas adultas. Dalgún xeito o EIB estaría ben que fose cando menos coma un xerme de comunidade cristiá que vaia fecundando toda a realidade relixiosa aldeá.

É moi importante deseñar ben este proceso de maduración cristiá, ao que igual habería que lle quitar xa o nome de catequese ou catequético. Non debería consistir nun cúmulo de textos, de lecturas, de reunións, para comprender a doutrina coa idea nobre de os poder asimilar. Pensamos que na aldea este método  non sería eficaz.

Se nos fixamos nos cinco momentos da evanxelización, que o papa Francisco ofrecía copiándoos da práctica de Xesús, a cousa sempre parte de andar os camiños, bater coa xente, enfrontarse con pobrezas de todo tipo, materiais e morais, dar respostas, e reflectir sobre esta realidade (a da pobreza e a das respostas), e así, a partir da vida, íase creando un “corpo doutrinal vivo", porque saía da vida, do gozo ou amargor de vivila, das posibilidades de ennobrecela, da satisfacción de experimentar a súa rehabilitación. Os evanxeos case se podería dicir que non son outra cousa máis ca unha narración continua destas experiencias. Isto deberíanos dar a clave fundamental para unha proposta de formación, de maduración cara á adultez na fe, das persoas que se vaian achegando á comunidade cristiá parroquial. Desde a mente, desde o corazón, vivir, ver, contemplar, valorar, sopesar, facer memoria do de Xesús, aprender, ir moldeando a mente, o corazón, os feitos…, e así desde a primeira infancia ata a mesma morte. Sempre en formación e aprendizaxe, aínda que con intensidades distintas segundo os momentos.

7. UNHA NOVA PALABRA RELIXIOSA

Froito do anterior, será normal que se vaia creando unha nova palabra relixiosa, unha nova maneira de dicir a fe, de expresala, arredada de formularios que acabaron sendo non significantes para a xente do presente, e moi conectada coa vida de cada día. Tanto os textos oficiais como os non oficiais na súa expresión verbal e nas súas referencias humanas non conectan en xeral coa realidade diaria da xente. Parece como se a xente tivese que espirse de si mesma, do seu diario vivir, para poder acceder á vida de Deus. E o noso Deus, que é Deus da vida, deberíase poder atopar e mostrar no diario vivir, no diario falar. Neste sentido cabe dicir que, con criterios misioneiros nas mans, é inconcibible que, cando menos en medios rurais, non se respecte, valore e asuma a propia cultura aldeá, e algo nuclear que a representa como é a fala, a galego. E todo isto non quere dicir para nada que haxa que crear unha nova fe, pero si maneiras novas de dicir a fe que confesamos.

Se un vai a unha novena, se acode a un santuario, se celebra a morte dun familiar, se participa nunha Eucaristía, o normal sería que houbese unha proximidade, unha conexión viva entre o que falamos e vivimos e o que alí se fai e verbaliza; que un se sinta recoñecido, aludido, comprendido, acompañado, alentado, cuestionado, amado. Non facelo, en todo ou en parte, na lingua que fala a xente contribúe a marcar distancias.

Igualmente pensamos que a expresión orante das nosas comunidades debe tamén deixarse evanxelizar. O Deus que debuxamos cando oramos moitas veces parécese máis a un tirano iracundo ca a un Pai, Nai, que nos agarda cos brazos abertos, como lle gustaba dicir a Xesús (Cfr. Lc 15, 11-32).

8.- SERMOS HUMILDEMENTE SAL E LUZ

E por último saber que somos unha Igrexa ao servizo da xente, teña esta ou non teña fe. Un EIB aberto e respectuoso sempre co resto da comunidade parroquial que, considerándose crente, recea de incorporarse a niveis de maior implicación. Un EIB fomentando a presenza da comunidade cristiá nos foros sociais, especialmente nos que teñen que ver coa participación comunitaria, coa atención á fraxilidade humana nos máis diferentes aspectos; ben con servizos propios ou integrándose noutros existentes, sen entrar en competencia, e menos en lea, con ningún deles, senón distinguíndose por arrimar o lombo e por facelo dunha maneira limpa, transparente, cos trazos que se poderían esperar de quen se sabe humilde  referencia do evanxeo de Xesús. Ser humildemente sal e luz, sen agocharse covardemente, nin empoleirarse despectivamente. Quizais algo así como xa o está facendo en xeral Cáritas e Mans Unidas.

E facendo todo o que  poidamos, todo o que o Espírito nos vaia suxerindo no momento presente, confiar. Non amargarse. Recuperar a graza e o sorriso. Manter a esperanza. Haberá cousas que morren, que se acaban. Non sabemos canto da Igrexa entrará aí. Pero temos seguro que algo novo saíra. E oxalá que nós saibamos estar ao servizo desta  novidade do Espírito. Oxalá!

Exposicion Compostelana 1120 - 2020. Una Historia. Una Sede