domingo, 21 de mayo de 2017

LECTIO

DOMINGO VI DE PASCUA
(Ciclo A: 21 de maio 2017)

            O tempo de Pascua que estamos a celebrar nestes domingos, despois da festa do domingo de Resurrección, está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, o día de Pentecoste.
            Por iso neste domingo de hoxe atopamos xa ideas e pensamentos que teñen abondo que ver tanto coa Ascensión do Señor como co don e agasallo infinito que Xesús nos vai facer: o Espírito Santo.
            En canto cristiáns, é dicir, en canto crentes na palabra e na revelación que Xesús fai á humanidade de como é Deus, a Trindade deste noso Deus ocupa un lugar esencial. Sobre este misterio infinito, que é Deus, dános Xesús a entender de diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar despois as tres “persoas” divinas. O único Deus noso é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras que a compoñen, o pai, a nai e mailos fillos ou fillas, a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.
            Non se trata de que os cristiáns queiramos complicar as cousas. O que pasa é que é Xesús mesmo, en primeiro lugar, quen veu comunicarnos e quere comunicarmos a grandeza infinita e incomprensíbel dese Deus Pai, que se converte con Xesús en Pai noso tamén. Se, segundo viamos no anterior domingo, Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén a seu Pai, é xustamente porque a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade co seu Pai, aínda sendo diferente del.
            Mais, en segundo lugar, nas Lecturas fálasenos ademais doutra “persoa”, en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio grandioso do noso Deus. Xesús dinos que ós que o amamos a el daranos “outro Paracleto”, para que, tal como se nos di, “estea decote connosco: o Espírito da Verdade”. O “Paracleto” é unha palabra grega que significa “auxiliador” ou “dador de consolo”. Este “Espírito da Verdade” ou “ou dador de consolo” é o que chamamos, de maneira máis habitual, o “Espírito Santo”.
            O Espírito Santo convértese así para nós en presenza viva e actuante de Xesús  en nós a través de tódolos tempos da historia humana. En nós e tamén en cantos veñan despois de nós. É dicir, en cantos historicamente non fomos testemuñas directas da vida, morte e resurrección de Xesús. Deste Espírito diranos Xesús que estará “onda nós” e “en nós”.
            Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar e regalar o seu “Espírito Santo”. “Non vos deixarei orfos”, dinos Xesús.
            Sen dúbida, é bo que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan diversas situacións e problemas cos que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais coido que é case máis importante aínda que nos acostumemos a ver este fondo grandioso e marabilloso da nosa fe e que Xesús nos comunica.
            Acostumarnos, pois, a darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a “Eucaristía” significa “acción de grazas”), a darmos grazas a Deus, digo, pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que el nos quixo comunicar, manifestando así o aprecio que el nos ten. Os segredos só se comunican a aqueles cos que se ten confianza. E Deus comunicounos a nós quen é El, como é El e como nos quere.
            Deus quere facer do mundo, de toda a humanidade, de toda a creación, unha realidade unida, mais con persoas e grupos humanos e sociais que son e queren seguir sendo diferentes entre si. Unha realidade unitaria o máis semellante posíbel a esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito Santo que quere, respecta e ama porén a mutua diferencia.
            Pero hai algo máis aínda. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a diversidade e a diferenza no interior de si mesma, está chamada a se realizar plenamente no interior de Deus mesmo, por moi incrible que isto poida parecer.
            Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo de que “en Deus vivimos, nos movemos e existimos”. Mais é Xesús mesmo quen nolo di e nolo promete tamén cando lles anuncia ós seus discípulos: “Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós”.
            É dicir, os plans de Deus consisten en que todos esteamos e vivamos en Xesús e el no Pai. Unidos, pois, a Deus, sendo nós ó mesmo tempo nós mesmos. Eses son os grandiosos e inimaxinábeis plans de Deus sobre nós.
            Todo isto é o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas vidas. Deste xeito poderemos converternos en luz e calor para toda persoa que se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas vidas, que no fondo consiste en sentírmonos felices porque Deus é o noso Pai e deste modo consideramos os demais como irmán nosos.
            Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na súa carta: “estade sempre dispostos –dinos Pedro- a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro”.
            Porque o que máis precisamos todos é sermos capaces de “esperar”. Porque sen esperanza non se pode vivir. E vivir é o que todos en definitiva máis desexamos. Pois ben, Xesús prométenos a vida. Porque el mesmo non é senón Vida: “Eu son o camiño, a Verdade e a VIDA”. Ou como se nos di hoxe no texto do evanxeo: “Eu vivo e tamén vós habedes vivir”.
            Por iso esperamos e por iso somos capaces de esperar.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu propio fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Apréndenos, Pai, a verte a Ti en unión trinitaria e misteriosa co teu Fillo Xesús e co Espírito Santo.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos toda a humanidade, unha e diferente, como reflectindo dalgún modo a túa Trindade, que é tamén e antes ca nós unha e diferente
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concede, Pai, á túa Igrexa saber anunciar con agradecemento e alegría ó mundo como es Ti, un e diferente, e como debemos ser tamén nós, unidos e diferentes.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, na unidade co Espírito Santo. AMÉN.



Manuel Cabada Castro