Aínda que nos enchen o whatsapp e as demais redes sociais de
infinidade de bromas (encántame a creatividade deste país aínda en tempos
difíciles!), a realidade é que vivimos unha situación que cada vez é máis
complicada.
Todos dixemos nestes días de «peche» que teriamos tempo de
facer unha infinidade de cousas. Nada máis lonxe da realidade, que sempre
estamos a perder o tempo como faciamos antes ou que seguimos sen decidirnos a
vencer a preguiza que provoca estar recluídos. Ao final non se trata tanto do
externo, senón de nós, da nosa actitude, da verdadeira disposición que temos
para facer as cousas. Ese «minuto heroico» que algunha vez na nosa vida
escoitariamos na maior das loitas que pelexamos cada día e que vai marcar as
posteriores horas non pode deixarnos derrotados nin que signifique que por
perder unha batalla perdamos a guerra; e si, refírome ao minuto en que
decidimos se nos levantamos da cama ou seguimos «cinco minutiños máis».
Pero hoxe quero falar dun tipo de confinamento que me parece
peor e máis doloroso: o do corazón. Porque o que máis me preocupa é isto. Eu
podo confesar e confeso que levo varios días encerrado na miña
habitación-despacho, que se converteu no meu lugar de traballo, de oración, de
lecer, de alimentación… Tamén podo confesar que a pasada semana, celebrando a
Misa, eu só, contemplando a praza e a avenida Rodríguez Mourelo, vendo
atardecer, emocionábame elevando a Xesús nas miñas mans. Nese momento viñan ao
meu corazón algunhas das persoas hospitalizadas e doíame a alma non poder facer
nada salvo rezar (que é o máis importante e o poder da oración é moi forte).
Agora entendo aos meus pais e a tantos outros: ver mal ao teu fillo e non saber
que facer por eles. Bendita paternidade!
Así que estes días pensei moito no confinamento do corazón.
Antes considerábaste libre, con capacidade de decidir na túa vida, sendo o máis
autónomo de todos os seres deste mundo. Pero agora, que catro paredes nos
constrinxen, que parece que non existe abondo osíxeno nas nosas casas, que as
horas pasan no mesmo espazo coa mesma xente, segues considerándote libre? É
fermoso descubrir que o noso corazón ten anhelos infinitos porque iso fainos
lembrar que somos humanos, creados por Alguén que si é verdadeiramente infinito
e que, así, fíxonos capaces de infinito. Nunca cansarás de desexar, de buscar,
de pedir. Parecemos «pozos sen fondos». E realmente sómolo.
Por iso a liberdade non se mide en espazos ou tempos, mídese
no corazón. Aquela frase que tantas veces me lembrou un moi querido amigo
sacerdote do Mestre Yoda: «aprender a liberarse daquilo que precisamente perder
temes». Esa é a nosa maior liberdade. Que liberación ao deixar unha relación
que non ía a ningunha parte! Pois esa, e non outra, é a verdadeira liberdade.
Polo menos un primeiro indicio da mesma. Pois falta un ingrediente: ti. A
liberdade non é un xesto que veña de fóra, senón que nace no noso corazón. É o
movemento do corazón que anhela e que desexa ser anhelado. Pero cando algo se
pon no medio do camiño, cando bloquea esta acción, entón a liberdade
simplemente desaparece.
Estes días moita xente está a descubrir que non sabe vivir
soa, que non entende que é verdadeiramente a liberdade. Parecía que antes
eramos libres por vivir na rúa, sempre rodeados de xente. Agora, sós e
encerrados, a vida esvaécese. O teu corazón está verdadeiramente confinado. E,
unha vez máis, non se trata do espazo ou do tempo, trátase de ti. Vivir a
liberdade como don de Deus é descubrir que fuches creado para o amor, para elixir
e ser elixido (como diría tamén o meu bo amigo Buber).
E o corazón confinado aínda non é maduro. Porque a súa
liberdade vívea ao límite cos demais. É facer real esa tremenda frase de Sartre
cando di que a nosa liberdade acaba onde comeza a do outro. Que ninguén che
veña a pór a cambadela! Non dependas de ninguén. Que cando Deus elixíu a
Abrahán e díxolle que saíse da súa terra non lle explicou con quen debía ir e
con quen non. Non imaxino a Deus facendo unha lista detallada, como as das
vodas! Tratábase de que el seguise a vocación do Señor con aquilo que era a súa
vida. E Sara, a súa muller, era a súa vida. Por iso deixou todo o demais atrás.
Que hai na túa vida que sexa realmente necesario? Que forma parte do teu
corazón que non podes deixar atrás? Porque no confinamento haberá moitas
cousas, pero o esencial de cada un de nós neste tempo tamén quedou claro. E o
teu corazón, como está?
O confinamento demostra como son as nosas relacións cos
outros, como as vivimos e nos afectan. Pero tamén di moito de nós, de como
vivimos a nosa vida, do acelerado que anda o noso pulso diario. Netflix, HBO,
Instagram, Facebook, Tik Tok ou Whatsapp quizais son o verdadeiro confinamento
do corazón. As horas que perdemos nas redes sociais, en conversacións nada
produtivas ou en perseguir a unha mosca coa mirada? Tamén temos que aprender a
descansar, a divertirnos e mesmo a aburrirnos! Pero o noso corazón ten que ser
libre, buscar o infinito e vivindo en relación con aquilo que nos constrúe.
Imaxinemos por un intre que Deus colle o noso corazón, así,
agora, co que vivimos até este momento. Haberá mil cosas das que poderiamos
avergoñarnos. Pero unha boa pregunta sería: que espazo ocupou Deus na túa vida?
Buscáchelo realmente? Fuches tan libre como para vivir a túa vida segundo as
túas propias decisións ou seguindo os desexos doutros, os caprichos doutros?
Vives atado ás túas apetencias ou tratas de «en todo, amar e servir» ao máis
puro espírito ignaciano? Coidas dos que tes preto, ou o teu corazón está
aprisionado polo egoísmo e a soberbia?
O confinamento do corazón hoxe ten que rematar. Depende de
ti. Porque só ti sabes como está e só ti podes dar por resolto este capítulo na
túa vida. Pero non estás só. Es finito! E, aínda que creado para ser libre e
amar, Alguén o fixo primeiro por ti. Pídelle a Deus que che axude. A súa graza
pódeo todo. Pero non deixes que nada che roube a paz. Tampouco este tempo.
Tampouco a corentena. Nin sequera as catro paredes da túa casa. A liberdade
permíteche contemplar o horizonte da túa vida, tomar as rendas da mesma e
decidirche a amar e ser amado!
Nicolás Susena Presas