sábado, 18 de octubre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXIX ORDINARIO -  CICLO A

  
Primeira Lectura     Is 45, 1. 4-6
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Collín a man dereita de Ciro para someter ante si os pobos

             Así fala o Señor acerca do seu unxido,
Ciro, a quen el colleu da man dereita:
el someterá ante si os pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis.
El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.
            Por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.
Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.
            Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.
Ameite, aínda que non me coñecías,
para que se saiba desde o nacente  ao solpor que non hai cousa sen min.
            Eu son o Señor e non hai outro.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c
R/.  (7b):  Tributade  ao Señor honor e forza.

Cantádelle  ao Señor un cántico novo,
cantádelle  ao Señor, a terra enteira;
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.

Grande é o Señor e digno de loanza,
máis temible ca todos os deuses.
Os deuses todos das nacións son aparencia,
pero o Señor fixo os ceos.

Tributade  ao Señor, pobos todos,
tributade  ao Señor honor e forza,
tributade  ao Señor a gloria do seu nome.
Collede ofrendas e entrade nos seus adros.

Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presenza a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".


Segunda Lectura     1 Tes 1, 1-5b
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Facemos memoria da vosa fe e da caridade e da esperanza


            Paulo, Silvano e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
            Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións.             Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
            Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Flp 2, 15d. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Reluciredes coma fachos no universo,
presentando a palabra de vida.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 22, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dádelle  ao Cesar o que é do Cesar, e a Deus o que é de Deus
 
            Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
            Mestre, sabemos que es si
ncero, que de verdade ensinas o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo  ao Cesar ou non?
            Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
            Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.
            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
            De quen é esta imaxe e mais a inscrición?
            Contestáronlle:
            Do César.
            Entón replicoulles:
            Pois logo dádelle  ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN

Deus sae ao encontro de cada un de nós non ao chou, senón acompañándonos de maneira persoal. Porque nos coñece non nos confunde; ao contrario, sabe perfectamente quen somos e como é a nosa vida: “Señor, ti escúlcasnos e coñécesnos”, dicimos no salmo. Na lectura que acabamos de escoitar do profeta Isaías, aparecen tres verbos que nos axudan a entender mellor isto que vimos dicindo:

CHAMEITE: Porque sabe quen somos, e non xoga ao xogo da confusión, cando nos chama sabe a quen se dirixe. E namentres aos demais podemos enganalos e aparentar o que non somos, non ocorre o mesmo con Deus. Na súa chamada está o desexo de que non camiñemos sós, nin tampouco que sexamos nós os que deixemos que outros vaian sós e desesperados.

CREEITE: Pero non se limita a chamarnos e deixarnos abandonados, senón que na súa chamada está presente sempre a nosa orixe: somos de Deus. Por iso o profeta fala de que nos creou. En Deus atopamos o si, o camiño, o horizonte por onde nos dirixirnos ata chegar á meta. Desde sempre e por sempre, está con nós. Que senón significa afirmar que somos dignidade?.

AMEITE: E só quen terma, coñece e se preocupa, pode dicir que ama, quere, que se entrega e se dá aos demais. O seu amor non é un amor por interese nin por comenencia, senón un amor de entrega e doazón. Un amor desde o que El nos vai abrindo e mostrando o camiño.
  
Quen ama, crea e chama, entende a grandeza do que significa dar grazas. E isto é difícil nun mundo como no que nós estramos, no que esta grandeza é moitas veces ignorada –non hai máis que escoitar as noticias nas que aqueles que querían aparentar ser importantes e poderosos, acaban sendo os mentireiros e enganadores, aproveitándose da sinxeleza dos que confiaban e coidaban que as palabras eran para ser respectadas- e pensamos que as reclamacións de dereitos non levan acompañadas as dos deberes; como se só fosen os demais os que tiveran obrigas para con nós, pero nós ningunha para con eles. Deste xeito –a lóxica do capital– é imposible –vémolo cada día– que entendamos a grandeza da gratuidade e do recoñecemento do que outros fan por nós. Ser agradecidos é unha tarefa que vai intimamente unida ao ser cristiáns. Que saibamos poñela en práctica!.


Agradecidos a Deus por ter confiado en nós, temos que ir xuntando esforzos, mans e corazóns con aqueles que teñen o mesmo empeño ca nós: non deixar que a ninguén lle sexa negada a súa dignidade. O Evanxeo libera de todo aquilo que vai impedindo que sexamos felices. Por iso a nosa misión coma crentes, a tarefa á que estamos chamados é evanxelizar, ou o que é o mesmo: anunciar que a dignidade que Deus nos deu a cada un e cada unha de nós debe ser respectada por riba de diferenzas de cultura, credo ou nivel social e económico. Por que non facemos isto realidade?. Hoxe, no día do DOMUND, somos invitados a botar unha ollada a noso mundo e traballar para que xustiza e igualdade deixen de ser unha utopía e pasen a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención, para todos nós, os que estamos no primeiro mundo, para que deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir “pobriños” e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza, ou o que é o mesmo, para facerlle sitio na mesa e que compartan o banquete con nós. Todos somos Igrexa, todos somos fillos/fillas dun mesmo Pai, por que nos deixamos levar dos fundamentalismos que separan a uns en bos e a outros en indesexables?. Hoxe é un bo día para comprometernos na globalización do amor.