sábado, 18 de octubre de 2014

REFLEXIÓN

Deus sae ao encontro de cada un de nós non ao chou, senón acompañándonos de maneira persoal. Porque nos coñece non nos confunde; ao contrario, sabe perfectamente quen somos e como é a nosa vida: “Señor, ti escúlcasnos e coñécesnos”, dicimos no salmo. Na lectura que acabamos de escoitar do profeta Isaías, aparecen tres verbos que nos axudan a entender mellor isto que vimos dicindo:

CHAMEITE: Porque sabe quen somos, e non xoga ao xogo da confusión, cando nos chama sabe a quen se dirixe. E namentres aos demais podemos enganalos e aparentar o que non somos, non ocorre o mesmo con Deus. Na súa chamada está o desexo de que non camiñemos sós, nin tampouco que sexamos nós os que deixemos que outros vaian sós e desesperados.

CREEITE: Pero non se limita a chamarnos e deixarnos abandonados, senón que na súa chamada está presente sempre a nosa orixe: somos de Deus. Por iso o profeta fala de que nos creou. En Deus atopamos o si, o camiño, o horizonte por onde nos dirixirnos ata chegar á meta. Desde sempre e por sempre, está con nós. Que senón significa afirmar que somos dignidade?.

AMEITE: E só quen terma, coñece e se preocupa, pode dicir que ama, quere, que se entrega e se dá aos demais. O seu amor non é un amor por interese nin por comenencia, senón un amor de entrega e doazón. Un amor desde o que El nos vai abrindo e mostrando o camiño.
  
Quen ama, crea e chama, entende a grandeza do que significa dar grazas. E isto é difícil nun mundo como no que nós estramos, no que esta grandeza é moitas veces ignorada –non hai máis que escoitar as noticias nas que aqueles que querían aparentar ser importantes e poderosos, acaban sendo os mentireiros e enganadores, aproveitándose da sinxeleza dos que confiaban e coidaban que as palabras eran para ser respectadas- e pensamos que as reclamacións de dereitos non levan acompañadas as dos deberes; como se só fosen os demais os que tiveran obrigas para con nós, pero nós ningunha para con eles. Deste xeito –a lóxica do capital– é imposible –vémolo cada día– que entendamos a grandeza da gratuidade e do recoñecemento do que outros fan por nós. Ser agradecidos é unha tarefa que vai intimamente unida ao ser cristiáns. Que saibamos poñela en práctica!.


Agradecidos a Deus por ter confiado en nós, temos que ir xuntando esforzos, mans e corazóns con aqueles que teñen o mesmo empeño ca nós: non deixar que a ninguén lle sexa negada a súa dignidade. O Evanxeo libera de todo aquilo que vai impedindo que sexamos felices. Por iso a nosa misión coma crentes, a tarefa á que estamos chamados é evanxelizar, ou o que é o mesmo: anunciar que a dignidade que Deus nos deu a cada un e cada unha de nós debe ser respectada por riba de diferenzas de cultura, credo ou nivel social e económico. Por que non facemos isto realidade?. Hoxe, no día do DOMUND, somos invitados a botar unha ollada a noso mundo e traballar para que xustiza e igualdade deixen de ser unha utopía e pasen a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención, para todos nós, os que estamos no primeiro mundo, para que deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir “pobriños” e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza, ou o que é o mesmo, para facerlle sitio na mesa e que compartan o banquete con nós. Todos somos Igrexa, todos somos fillos/fillas dun mesmo Pai, por que nos deixamos levar dos fundamentalismos que separan a uns en bos e a outros en indesexables?. Hoxe é un bo día para comprometernos na globalización do amor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario