sábado, 11 de octubre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXVIII ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura     Is 25, 6-10a
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Fará festa o Señor e enxugará todas as bágoas

            Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos
un banquete de boas talladas, de viños anellos,
carnes ben condimentadas, viños refinados.
            Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións.
            O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre,
enxugará as bágoas de todas as caras,
afastará de todo o país a vergonza do seu pobo.
            Si, díxoo o Señor.
            No día aquel dirase:
"Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar.
            Este é o Señor, esperamos nel, gozaremos e alegrarémonos coa súa salvación".
Si, a man do Señor descansa sobre esta montaña.

                        Palabra do Señor                 
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
 R/.  (6cd):  Eu habitarei na casa do Señor por días prolongados sen fin.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Flp 4, 12-14. 19-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte


            Irmáns:
            Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado para estar farto e para pasar fame; para ter de abondo e para non ter nada.
            Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte. Mesmo así, fixestes ben en tomardes coma vosa a miña dificultade.
            O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa riqueza, con magnificencia en Cristo Xesús.
            Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                            
                        R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Pai do noso Señor Xesús Cristo ilumine os ollos do noso corazón,
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.


Evanxeo    
Mt 22, 1-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Chamade ás vodas a cantos atopedes

            Naquel tempo, Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas  aos sumos sacerdotes e  aos anciáns do pobo:
            Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
            Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles  aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!"
            Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro  aos seus negocios. Os demais botáronse  aos criados, maltratáronos e matáronos.
            Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles  aos criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
            Saíron  aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
            Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: "Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: Entón o rei díxolles  aos camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
            Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.

            Palabra do Señor                                        

            R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario