sábado, 11 de octubre de 2014

Reflexión

* En tempos de crise como son os que estamos a vivir, a lectura que vimos de escoitar de Paulo é todo un reto: ”hoxe sei vivir na miseria e na fartura”. De verdade poderíamos nós dicir o mesmo?. Non. Máis ben nós estamos moi acostumados a vivir na fartura, pero pouco ou nada na miseria; é dicir, na dificultade, no sacrificio, no esforzo, no aforro... valores que consideramos coma secundarios, deixámolos de lado e non movemos nin un só dedo para que a nosa xente nova vaia medrando neles, senón que lle “aforramos” esforzo, dificultades e sacrificios dándolle todo feito. Por iso en momentos de dificultade económica, cultural, política, relixiosa...como son os actuais, rapidamente nos vimos abaixo, desanimámonos, e todo nos vai desesperanzando e desilusionando. Porque é moi fácil vivir na fartura; pero moi difícil facelo na miseria. Ao bo afacémonos moi pronto... e prescindir del cústanos demasiado. Nesta situación, é bo non esquecer o alento da Palabra de Deus. Madurar, medrar como persoas, supón aprender a afrontar os retos que a vida nos vai pondo diante, deixando atrás o fácil, a queixa, o laio, a nostalxia, para comezar a afrontar as situación e a tentar darlles resposta. Diante das dificultades non debemos perder a nosa capacidade de análise, de reflexión, sen deixarnos levar nin do primeiro que se nos ocorra nin do que nos resulte menos esforzado. Coma Paulo, tamén temos forzas grazas a quen nos fai fortes, grazas a quen nos reúne hoxe aquí; grazas a quen nos vai acompañando no camiño da nosa vida. Sabemos da súa presenza e sentimos a súa forza?. Ou non?. Porque ao mellor, se non é así, teríamos que preguntarnos se de verdade debemos levar o nome de seguidores seus; se de verdade se nos nota que El é o que dá sentido á vida, e así o vivimos; se El é quen nos vai dando folgos para que a desesperanza e o desalento non aniñen na nosa vida.

* Desde a época dos profetas, Israel describía a alegría dos tempos mesiánicos coma un banquete. Pola súa banda Xesús, que coñecía moi ben a vida dura e monótona dos campesiños, sabía como esperaban a chegada do sábado para liberarse do traballo. Víaos disfrutar nas festas e nas vodas.... daquela, que experiencia podía haber máis gozosa para aquelas xentes que ser invitadas a un banquete, sentar na mesa e compartir unha festa?. O banquete é símbolo do Reino de Deus: abundancia, festa, fraternidade, gratuidade..... Non podemos esquecelo, somos invitad@s a un banquete. O amor: esa será a chave que nos permita entrar ó banquete de vodas. Por iso a parábola móstranos unhas sorpresiñas:
-   as persoas que reciben a invitación non queren asistir, desculpan a súa asistencia. Para moitos daqueles cidadáns, a invitación a un banquete (o sono de calquera israelita!) non é algo importante. Para outros, mesmo é algo molesto: maltratan aos servidores do rei e mátanos.
-   a negativa incomoda ao rei, pero non suspende o banquete. Os servidores saen de novo e esta vez invitan a todas as persoas que atopan, boas e malas. A negativa non detén o amor de Deus, o ofrecemento do Reino segue facéndose malia ás nosas escusas e a nosa falta de acollida.
o   a festa só comeza cando a sala está chea. Mentres, haberá que saír aos camiños, anunciando o banquete. Ninguén é chamado polos seus méritos, reúnen a todos os que atopan, bos e malos.
-   unha derradeira sorpresa: chega o rei e sorprende a un invitado sen traxe de festa e bótao fóra. A gratuidade de Deus reclama a nosa responsabilidade e o noso compromiso. Deus bríndanos a posibilidade de entrar no seu Reino: tod@s estamos invitados á voda, non hai acepción de persoas; pero esixe unha condición: levar traxe de festa, ou o que é o mesmo: servir na vida de cada día a mensaxe de Xesús, actuando dacordo co Evanxeo. E, ás veces, canto nos custa!: dicimos crer en Deus, e mesmo acudimos ás celebracións; pero comprometer a nosa vida, o noso tempo, o que somos e o que temos a prol dos irmáns.... iso xa é outro cantar. Somos socialmente cristiáns, pero non somos cristiáns de conviccións.


* Hoxe é un bo día para cambiarmos o noso traxe de diario polo traxe de festa. Para cambialo, aquí está o meu tempo, o meu esforzo, a miña man.

No hay comentarios:

Publicar un comentario