sábado, 29 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO IV DE CORESMA -  CICLO A

  
Primeira Lectura    1 Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL
David é unxido como rei de Israel

            Naqueles días, díxolle o Señor a Samuel:
            Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Iexé, o de Belén, pois escollín entre os seus fillos un rei para min.
            Cando chegou a Belén, viu a Eliab e pensou:
            "De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".
            Pero o Señor díxolle a Samuel:
            "Non te fixes no seu aspecto, nin na súa moita estatura. Ese téñoo excluído, pois Deus non olla como os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".
            Iexé fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo:
            "Ningún destes é o escollido do Señor".
            Samuel preguntoulle a Iexé:
            "Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle:
            "Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas".
            Samuel díxolle:
            "Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Iexé mandou que o fosen buscar.
            Era louro, de ollos fermosos e de bo parecer.
            O Señor dixo a Samuel:
            "Érguete e únxeo, pois é este".
            Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
 R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 5, 8-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo
 
            Irmáns:
            Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque o froito da luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ao Señor.
            E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, evidenciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
            Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso di a Escritura:
            Acorda, ti que estás a durmir,
érguete de entre os mortos
e Cristo iluminarate.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xn 8, 12
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue, terá a luz da vida.


Evanxeo     Xn 9, 1-41 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foise, e lavouse, e volveu vendo
 
            Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:
            Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
            Xesús respondeu:
            Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
            Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
            Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").
            El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
            Non é este o que estaba sentado a pedir?
            Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
            Entón preguntábanlle:
            Daquela, como se che abriron os ollos?
            El respondeu:
            O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
            Preguntáronlle:
            Onde está ese?
            El contestou:
            Non o sei.
            Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
            Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
            Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
            Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
            A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
            El contestou:
            Que é un profeta.
            Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
            É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo, como é que agora ve?
            Os pais responderon:
            Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
            (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
            Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
            Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
            El entón respondeu:
            Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
            Dixéronlle entón:
            Pero, que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
            Respondeulles:
            Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
            Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
            Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
            O home replicoulles:
            Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista aos meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podería facer nada.
            Respondéronlle eles:
            Ti naciches todo metido en pecados, e vasnos ensinar a nós?
            E botárono fóra.
            Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
             Cres ti no Fillo do Home?
            El respondeulle:
            E quen é, Señor, para que crea nel?
            Díxolle Xesús:
            Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
            El dixo:
            Creo, Señor.
            E prostrouse diante del.
            Entón dixo Xesús:
            Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
            Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
            E, logo, nós tamén estamos cegos?
            Xesús contestoulles:
            Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Estar en actitude e disposición de darlle un cambio á nosa vida non é nada fácil. Cústanos a todos, porque supón recoñecer que hai cousas que non nos enchen, comportamentos que camiñan na rutina de non saber por que os facemos e medos que nos paralizan e impiden que afrontemos as situacións con realismo, sinceridade e verdade. E isto pásanos a todos nalgún momento. Pero non chega con recoñecelo, necesitamos facer algo... moito máis ca iso: hai que dar pasos que sexan capaces de que nos decidamos a romper con todas estas situacións que nos van levando como se non tiveramos máis ca superficialidade e baleiro na nosa vida. A primeira lectura que escoitamos hoxe dános unha clave de por onde poderían ir as cousas se de verdade estivésemos dispostos a romper con esta situación que tan insatisfeitos nos deixa. E este cambio está en prestar atención á chamada que Deus sempre nos fai, como fixo con Samuel, a non deixarnos levar das primeiras impresións. Estas non adoitan ser nin as máis realistas nin as que ponderan e valoran tódolos aspectos que hai que ter en conta á hora de tomar unha decisión. Tamén a nós nos vai chamando e invitando a que o sigamos, pero non de calquera xeito, senón de xeito que o que facemos, a nosa maneira de abordar as decisións importantes da vida e as nosas relacións cos demais, saibamos facelas poñendo no centro dese xeito de actuar e decidir á persoa, non as aparencias nin o egoísmo de sacar a mellor tallada da situación. E como nos custa isto!
E para poder actuar deste xeito, non podemos andar sempre na tebra que endurece o corazón e non nos deixa actuar con responsabilidade e liberdade. Andar na tebra é decidir inconscientemente, buscar só o que nos interese sen importarnos o mal que lle podemos facer aos demais; facer as cousas para que nos vexan pero sen sentilas nin ser capaces de actuar como pensamos. Porén, andar na luz supón aprender a renunciar a recoñecementos externos, pero estar a gusto cun mesmo e coas decisións tomadas. Inda que os demais fagan riso de nós e nos menosprecen. E iso é así porque o que nos realiza como persoas e fai que nos aceptemos como somos é a sinceridade, non a aparencia. Por dicilo dun xeito que todos entendemos: o importante non é o papel que vai por fóra do regalo, senón o regalo, é dicir: a intención coa que facemos as cousas, o esforzo por facelas ben...e non a perda de tempo en cousas moi aparentes, pero que no fondo non valen nada. E iso só pode entendelo e actuar en consecuencia quen se toma en serio que temos que camiñar buscando a luz que nos impida perdernos ou enredarnos en encrucilladas que non acaban de axudarnos a tomar a dirección adecuada.

E que mellor dirección que a que nos ofrece Xesús, unha vez máis, no evanxeo!. Namentres os que estaban ao seu redor perdían o tempo discutindo se a cegueira daquel home era culpa do pecado dos seus pais, Xesús non para niso, senón que lle ofrece claves moito máis profundas para entender o sentido da vida. Un non pode pasar a vida eludindo responsabilidades e botándolle a culpa do que nos pasa aos demais: se o destino, se a familia, se os amigos, se a moza/o, se ... como se non foramos libres para tomar decisións e actuar en consecuencia!. A vida vaise construíndo desde as decisións que tomamos respecto a como queremos vivila, asumir as consecuencias das opcións que nos moven e das decisións que desde esas opcións temos que tomar. E só unha ten que emerxer sempre con forza, como guía de todo o demais: queremos ou non que Xesús acompañe a nosa vida? Se de verdade o queremos, temos que estar dispostos a mergullarnos no evanxeo e deixar que a luz da súa palabra vaia iluminado a nosa vida; pero iluminándoa de verdade e camiñando desde a liberdade. Nin os pais, nin os amigos, nin as circunstancias poden decidir por nós. Axudarannos, acompañarannos, alentarannos, pero os que decidimos somos nós, pois somos os únicos que debemos actuar desde a liberdade e orientándonos cara ao que nos fai felices. Non na felicidade aparente, a do papel de regalo, senón a real, a do regalo mesmo. Disto é do que nos fala hoxe Xesús cando nos chama a non botarlle a culpa a ninguén, porque os que decidimos, para ben ou para mal, sempre temos que ser nós.