Estar en actitude e disposición de darlle un cambio á nosa
vida non é nada fácil. Cústanos a todos, porque supón recoñecer que hai cousas
que non nos enchen, comportamentos que camiñan na rutina de non saber por que
os facemos e medos que nos paralizan e impiden que afrontemos as situacións con
realismo, sinceridade e verdade. E isto pásanos a todos nalgún momento. Pero
non chega con recoñecelo, necesitamos facer algo... moito máis ca iso: hai que
dar pasos que sexan capaces de que nos decidamos a romper con todas estas
situacións que nos van levando como se non tiveramos máis ca superficialidade e
baleiro na nosa vida. A primeira lectura que escoitamos hoxe dános unha clave
de por onde poderían ir as cousas se de verdade estivésemos dispostos a romper
con esta situación que tan insatisfeitos nos deixa. E este cambio está en
prestar atención á chamada que Deus sempre nos fai, como fixo con Samuel, a non
deixarnos levar das primeiras impresións. Estas non adoitan ser nin as máis
realistas nin as que ponderan e valoran tódolos aspectos que hai que ter en
conta á hora de tomar unha decisión. Tamén a nós nos vai chamando e invitando a
que o sigamos, pero non de calquera xeito, senón de xeito que o que facemos, a
nosa maneira de abordar as decisións importantes da vida e as nosas relacións
cos demais, saibamos facelas poñendo no centro dese xeito de actuar e decidir á
persoa, non as aparencias nin o egoísmo de sacar a mellor tallada da situación.
E como nos custa isto!
E para poder actuar
deste xeito, non podemos andar sempre na tebra que endurece o corazón e non nos
deixa actuar con responsabilidade e liberdade. Andar na tebra é decidir
inconscientemente, buscar só o que nos interese sen importarnos o mal que lle
podemos facer aos demais; facer as cousas para que nos vexan pero sen sentilas
nin ser capaces de actuar como pensamos. Porén, andar na luz supón aprender a
renunciar a recoñecementos externos, pero estar a gusto cun mesmo e coas
decisións tomadas. Inda que os demais fagan riso de nós e nos menosprecen. E
iso é así porque o que nos realiza como persoas e fai que nos aceptemos como
somos é a sinceridade, non a aparencia. Por dicilo dun xeito que todos
entendemos: o importante non é o papel que vai por fóra do regalo, senón o
regalo, é dicir: a intención coa que facemos as cousas, o esforzo por facelas
ben...e non a perda de tempo en cousas moi aparentes, pero que no fondo non
valen nada. E iso só pode entendelo e actuar en consecuencia quen se toma en
serio que temos que camiñar buscando a luz que nos impida perdernos ou
enredarnos en encrucilladas que non acaban de axudarnos a tomar a dirección
adecuada.
E que mellor
dirección que a que nos ofrece Xesús, unha vez máis, no evanxeo!. Namentres os
que estaban ao seu redor perdían o tempo discutindo se a cegueira daquel home
era culpa do pecado dos seus pais, Xesús non para niso, senón que lle ofrece
claves moito máis profundas para entender o sentido da vida. Un non pode pasar
a vida eludindo responsabilidades e botándolle a culpa do que nos pasa aos
demais: se o destino, se a familia, se os amigos, se a moza/o, se ... como se
non foramos libres para tomar decisións e actuar en consecuencia!. A vida vaise
construíndo desde as decisións que tomamos respecto a como queremos vivila,
asumir as consecuencias das opcións que nos moven e das decisións que desde
esas opcións temos que tomar. E só unha ten que emerxer sempre con forza, como
guía de todo o demais: queremos ou non que Xesús acompañe a nosa vida? Se de
verdade o queremos, temos que estar dispostos a mergullarnos no evanxeo e
deixar que a luz da súa palabra vaia iluminado a nosa vida; pero iluminándoa de
verdade e camiñando desde a liberdade. Nin os pais, nin os amigos, nin as
circunstancias poden decidir por nós. Axudarannos, acompañarannos,
alentarannos, pero os que decidimos somos nós, pois somos os únicos que debemos
actuar desde a liberdade e orientándonos cara ao que nos fai felices. Non na
felicidade aparente, a do papel de regalo, senón a real, a do regalo mesmo.
Disto é do que nos fala hoxe Xesús cando nos chama a non botarlle a culpa a
ninguén, porque os que decidimos, para ben ou para mal, sempre temos que ser
nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario