sábado, 3 de diciembre de 2016

LECTIO

DOMINGO II DE ADVENTO
(Ano A: 4 de decembro 2016)

            Estamos no segundo chanzo (2º domingo de Advento) desta escaleira que nos vai achegando, con humildade e abraio, ó berce de Nadal: alí onde está o Xesús Neno no presebe de Belén.
            Hoxe, a liturxia, as lecturas que acabamos de escoitar, póñennos diante dun cadro, dunhas imaxes, que nos tempos que corren semellan pura utopía.
            Mais Isaías é profeta e non un escritor de novelas. Eses escritos -as novelas- nos que nos mergullamos cando dispoñemos dun pouco de lecer, con ilusión e secreto contento, para así refuxiármonos dalgunha maneira da dura realidade que a vida tantas veces nos impón.
            Pero non. Isaías, movido e acendido no seu interior pola experiencia do espírito de Deus, fálanos dun futuro que terá que ocorrer, pois Deus quéreo. Fálanos dunha aparición neste mundo noso, no vello tronco da historia humana, dun xermolo humano-divino que se constituirá nun novo reino, nunha nova maneira de relacionármonos os humanos entre nós e co noso Deus. Un reino que, como sabemos, será un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
            Oiamos e ollemos de novo as imaxes coas que nos describe Isaías eses novos tempos, anunciados por el. Na súa fermosura, non teñen desperdicio e compréndese así moito mellor con elas o que el nos quere anunciar ca con moitas ideas e conceptos ben precisos e aquilatados, que á fin e ó cabo non deixan de ser sempre algo abstracto:
            “O lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarse co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla. Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man. Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar”.
            Ou sexa. O Deus que se nos amosará liturxicamente dentro de só tres semanas, nas festas de Nadal, é un Deus que quere implantar e implantará un mundo de convivencia harmoniosa na humanidade toda e en toda a fermosa creación, saída das mans e do corazón de Deus. Un mundo, un cosmos inmenso e variado, no que non haberá xa nin inimigos ou agresores, nin agredidos, senón só convivencia fraternal e pacífica e mutua colaboración.
            Claro que todo isto non ocorrerá sen nós, é dicir, sen a nosa propia acción e sen o noso compromiso coa paz, co amor, coa convivencia, coa igualdade entre todos, recoñecéndonos dese modo como fillos dun mesmo Pai e irmáns entre nós.
            Porque se Deus se nos amosa en Xesús coma un Deus pacífico e familiar, tampouco quererá el impoñerse ditatorialmente a si mesmo no mundo. Se tal cousa ocorrese, deixaría automaticamente de ser el o Deus libre e dador de liberdade e destruiría ó tempo en nós calquera pegada de liberdade para relacionármonos libremente con el, cos demais e coa creación que nos sostén e amorosamente arrodea.
            Por iso, nun moi fondo sentido, dependemos nós de Deus e el depende tamén de nós. Foi el quen quixo que as cousas fosen así. E por iso é moi sabio e de moi vastas consecuencias aquel dito ou consello de Santo Ignacio de Loiola que soa así: “Fai todo coma se todo dependese de ti e confíalle a Deus o resultado a Deus coma se todo dependese del”. Deus e mais nós, nós e mais el. “Entre” os dous somos quen de cambiar o mundo.
            Entenderemos ben así tamén por qué outro profeta, Xoán Bautista, algo máis achegado a nós ca Isaías, teña que incitar ós seus contemporáneo á “conversión” para dese modo estaren en condicións de aceptar a mensaxe de Xesús, que anda xa entre eles, é dicir, entre nós. O clamor do Bautista diríxese a todos, a grandes e cativos, a pecadores e a oficialmente “relixiosos”, servíndose das palabras de Isaías: “Preparade os camiños do Señor, endereitade os seus vieiros”.
            Somos, pois, nós –non Deus- os que temos que cambiar, os que temos que nos converter ós grandiosos e case incríbeis proxectos seus sobre nós. Proxectos que só buscan en definitiva a nosa plenitude e felicidade.
            O Bautista formula esta proclama súa desde o exemplo da súa propia vida persoal de renuncia a comodidades e seguridades, a todo iso que a meirande parte da xente do seu tempo e tamén do noso busca e anceia para si. O Bautista é parco no comer, no vestir e nas cousas das que fai uso. Renunciara tamén á cómoda e envexábel función de exercer o oficio sacerdotal no templo de Xerusalén, como sería normal se continuase a súa tradición familiar, sendo como era el o único fillo do sacerdote Zacarías.
            Por todo isto, o Bautista ten suficiente autoridade moral para chamarlles na cara “raza de víboras” tanto a fariseos coma a saduceos, ou sexa, ós representantes sociais e relixiosos mellor situados entre os demais. Porque os seus feitos non se correspondían co seu status social e relixioso. Non eran, polo tanto, tal como eles fachendeaban, verdadeiros e consecuentes “fillos de Abrahán”.
            Pola súa parte, Xoán, o “Bautista”, é dicir, o “bautizador”, sinálalles co seu dedo á xente e a través dos séculos tamén a nós, Xesús como o verdadeiro e auténtico bautizador, porque –segundo nos indica o mesmo Xoán e á diferenza del- Xesús nos bautizará a nós co “Espírito Santo”.
            Neste segundo domingo de Advento teremos, pois, que lle pedir ó Espírito Santo que descenda sobre nós, como descendeu sobre Xesús ó ser humildemente bautizado por Xoán. Dese modo seremos bautizados tamén nós coa forza e o poder do Espírito do Pai e do Fillo. É el quen nos dará graza e ímpeto para preparármonos para esta vinda en carne mortal de Xesús no Nadal e sermos así capaces de construír entre todos ese reino de paz e harmonía universal anunciado polo profeta Isaías.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Invocamos como fillos a Deus Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a preparármonos coa túa graza para recibirmos con ledicia e agradecemento o teu fillo Xesús no Nadal.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, coa forza do Espírito que vén de ti, a nosa mente e fortalece o noso corazón para loitarmos contra os atrancos que se opoñen á implantación neste mundo do teu reino de xustiza, fraternidade e harmoniosa convivencia entre todos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, nos gobernos das nacións espírito solidario para que teñen sempre presente nas súas políticas as necesidades e problemas dos máis desfavorecidos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                   
           Manuel Cabada Castro