viernes, 4 de julio de 2014

REFLEXIÓN

Cando falamos de Deus utilizamos habitualmente expresións que nos van mostrando unha imaxe del bastante afastada das realidades máis cotiás que os seres humanos temos. Así, dicimos que Deus é omnipotente, todopoderoso, eterno…, facéndonos unha imaxe de alguén que está moi por riba de nós e de canto nos preocupa. E esta imaxe desde a que tantas veces temos manifestado e asentado a fe, vai facendo que para moitas persoas Deus non só se afaste do que lles pasa, preocupa ou viven, senón que non signifique nada na súa vida, polo que a fe resúltalles indiferenza na medida na que non supón nada do que lles importa, aflixe ou preocupa. Porén, o profeta Zacarías busca presentarnos un xeito moito máis humano de comprender e vivir, de percibir a vida desde Deus. Fálanos da súa modestia, da súa sinxeleza, da súa humildade… Isto debe levarnos a que caiamos na conta de que temos que repensar a imaxe de Deus desde a que afirmamos crer e vivir valores e actitudes que o teñen a El como centro, forza e sentido. O que nos ha levar a que non busquemos a Deus nin nos pazos, as grandes catedrais, o diñeiro, o poder, as celebracións fastosas que, aínda que esteticamente lle poidan parecer fermosas a moitos, nada ou pouco teñen que ver co que nos pasa, o que sufrimos, canto nos preocupa ou nos fai estar desacougados. Volvamos entón os ollos á Palabra de Deus e deixémonos alimentar por ela, para ver si podemos descubrir, na media en que a lemos, coñecemos e rezamos, razóns para percibir a Deus como Aquel que quere e sabe estar con nós tanto cando somos capaces de rir e aledarnos, como cando as situacións da vida nos van pondo dificultades que temos que ir afrontando e superando. Só así entenderemos o que queremos dicir cando manifestamos que Deus é amor e amigo. Tomemos en serio, e apliquemos tamén, que Deus non é fasto, senón modestia.

Así poderemos bendicilo coas nosas obras, dando morte a canto nos leva a por camiños de soberbia, superioridade, suficiencia ou desapego das persoas necesitadas de nós. Se o que queremos é vivir a vida sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos demais, ben de sentírmonos incapaces e medorentos .O Deus de Xesús é o Deus da vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan os corruptos, os delincuentes de salón e burocracia, os que aproveitándose da boa fe dos sinxelos e humildes fan negocios que simplemente os benefician a eles empobrecendo aos demais. O Deus no que cremos que nos reúne nesta celebración non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón o do amor .E o amor, como ben di Paulo, só se pode mostrar nas boas obras, que non son de ladrillo e miles de euros, senón do que facemos, non para nós e o noso proveito, senón por e para o ben dos demais.


Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un corazón entregado á solidariedade e á causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos invita a ter poder, senón que nos mostra o camiño: a sinxeleza e a honestidade do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos.