Como nos di Sofonías, o Señor alédase en e con cada un de
nós. E faino cunha ledicia que non é enganosa, que non busca a comenencia,
senón a sinceridade. A ledicia que brota do fondo do que é e significa Deus:
amor, sinceridade, franqueza, gozo, colaboración, entrega, xenerosidade... e
que, na medida en que nós imos facendo nosas estas actitudes, El vai
estendéndose por todo canto somos e facemos. Que gozo poder vivir e sentir esta
presenza!. Unha presenza que pouco a pouco vai configurando a nosa vida e
invitándonos a encher de todo canto nos axuda a descubrirnos con sensibilidade
para ir facendo posible que o amor nin se reduza a unha palabra baleira de
contido nin se identifique coa expresión, efémera, dun contacto puramente
físico. Amar e sentirnos amados por Deus, é o celme da vida dun crente que non
se pecha en si mesmo, senón que vai dando e facendo partícipes do amor de Deus
aos demais. Por iso o gozo e a ledicia da que nos fala Sofonías. Por iso é tan
grande o xúbilo que sentimos, e non podemos gardalo dentro de nós, necesitamos
expandilo, anuncialo, compartilo ... solidarizalo. Esa é a nosa tarefa e o noso
compromiso sempre, pero especialmente neste tempo de Advento.
Gritando con xúbilo, que non dando voces nin berrando,
porque o xúbilo sae do profundo e vai avanzando en nós ata mostrársenos no
brillo dos ollos, na expresión dos xesto, na modulación da voz... no latexar do
corazón que nos invita a non caer na somnolencia do aburrimento e da desgana,
Deus, que é Xubilo, quere aos que se chaman amigos seus xubilosos. E se a vida
é a mellor praza para ilo manifestando, tamén necesitamos de pequenos espazos,
de recunchos cheos de sinxeleza e agarimo para celebrar esta chamada que Deus
nos fai. Un deles, que non o único, é a celebración. Unha celebración que ha
ser preparada e participada por tod@s os que nela están, sen quedarnos ao
marxe, sen estar nela como se fosemos simples espectadores dunha representación
que alguén fai para aplacar as iras de Deus ou para abrandar o seu corazón.
Non, a celebración ha ser nosa, de tod@s os que nela participamos. Por iso
recalca o concilio o importante que é celebrar na lingua propia, a lingua que
utilizamos na casa, cos amigos e veciños; a lingua, que sempre é vehículo de
comunicación, ten que servirnos para falar, comunicarnos, dialogar ou
dirixirnos a Deus. E que mellor que facelo naquela na que nos sentimos máis
cómodos e na que podemos contar como mellor sabemos o que nos pasa, o que
sentimos ou do que nos vemos necesitados. Conscientes disto, cantos
participaron no concilio Vaticano II, invitan a deixar atrás o latín –lingua
que os que participaban nas celebracións nin coñecían nin entendían– para
comezar a utilizar o que se chaman as linguas vernáculas, é dicir, as linguas
propias de cada lugar.
Asemade, neste camiño de
renovar a liturxia e de facela máis achegada á vida dos cristiáns, insisten na
importancia da participación, porque non imos a un espectáculo, senón a
participar dun encontro de oración e comunitario, no que cada un pon o mellor
de si mesmo e rompe coa tentación de deixar que outros, por cartos ou oficio, o
fagan no nome deles. E isto non se aprende nun día nin dun momento para outro.
É necesario ir coñecendo e educándonos nesta chamada a facer das celebracións
momentos de comuñón e participación. Corresponde a aqueles que acompañan e
presiden as comunidades levar a cabo esta tarefa de educar e renovar a vida
litúrxica. Unha vida litúrxica que non está nos ritos, por moi bonitos que
sexan, senón en descubrir que é Cristo o centro da nosa vida de fe, non os
ritos nin os costumes. A partires de aí, todo canto supoña resaltar esta
centralidade de Cristo responderá non só ao que pide o concilio, senón, e é o
máis importante, a ser máis fieis á súa invitación a seguilo. A fe é un
seguimento, non unha angustia nin unha culpabilidade permanente, de aí a
importancia dunha boa proclamación da palabra, a elección axeitada dos cantos,
a oración comunitaria que exprese o que nos preocupa e o que necesitamos
compartir; a sinxeleza dos ritos e a necesidade de que tod@s participemos como
membros activos da Igrexa na celebración; o descubrimento do domingo como o día
do Señor -e non como unha imposición normativa e chea de medo e
culpabilidade-...., son tarefas que temos que coidar e promover.
Que mellor que revisar como cada un de nós ten acollido esta
renovación que hai cincuenta anos invitaba a realizar o concilio, e que hoxe,
cincuenta anos despois, segue sendo para moit@s unha invitación descoñecida.
Como nos dicía Xoán Bautista no Evanxeo de hoxe: que facemos nós?. Busquemos
sinceramente a resposta para dignificar a liturxia, renovar as celebracións e
participar nesta preparación que cada vez nos achega máis ao Señor que vén, que
xa está a petar na porta. Abrámoslla!.
Remol