Como nos di Sofonías, o Señor alédase en e con cada un de
nós. E faino cunha ledicia que non é enganosa, que non busca a comenencia,
senón a sinceridade. A ledicia que brota do fondo do que é e significa Deus:
amor, sinceridade, franqueza, gozo, colaboración, entrega, xenerosidade... e
que, na medida en que nós imos facendo nosas estas actitudes, El vai
estendéndose por todo canto somos e facemos. Que gozo poder vivir e sentir esta
presenza!. Unha presenza que pouco a pouco vai configurando a nosa vida e
invitándonos a encher de todo canto nos axuda a descubrirnos con sensibilidade
para ir facendo posible que o amor nin se reduza a unha palabra baleira de
contido nin se identifique coa expresión, efémera, dun contacto puramente
físico. Amar e sentirnos amados por Deus, é o celme da vida dun crente que non
se pecha en si mesmo, senón que vai dando e facendo partícipes do amor de Deus
aos demais. Por iso o gozo e a ledicia da que nos fala Sofonías. Por iso é tan
grande o xúbilo que sentimos, e non podemos gardalo dentro de nós, necesitamos
expandilo, anuncialo, compartilo ... solidarizalo. Esa é a nosa tarefa e o noso
compromiso sempre, pero especialmente neste tempo de Advento.

Asemade, neste camiño de
renovar a liturxia e de facela máis achegada á vida dos cristiáns, insisten na
importancia da participación, porque non imos a un espectáculo, senón a
participar dun encontro de oración e comunitario, no que cada un pon o mellor
de si mesmo e rompe coa tentación de deixar que outros, por cartos ou oficio, o
fagan no nome deles. E isto non se aprende nun día nin dun momento para outro.
É necesario ir coñecendo e educándonos nesta chamada a facer das celebracións
momentos de comuñón e participación. Corresponde a aqueles que acompañan e
presiden as comunidades levar a cabo esta tarefa de educar e renovar a vida
litúrxica. Unha vida litúrxica que non está nos ritos, por moi bonitos que
sexan, senón en descubrir que é Cristo o centro da nosa vida de fe, non os
ritos nin os costumes. A partires de aí, todo canto supoña resaltar esta
centralidade de Cristo responderá non só ao que pide o concilio, senón, e é o
máis importante, a ser máis fieis á súa invitación a seguilo. A fe é un
seguimento, non unha angustia nin unha culpabilidade permanente, de aí a
importancia dunha boa proclamación da palabra, a elección axeitada dos cantos,
a oración comunitaria que exprese o que nos preocupa e o que necesitamos
compartir; a sinxeleza dos ritos e a necesidade de que tod@s participemos como
membros activos da Igrexa na celebración; o descubrimento do domingo como o día
do Señor -e non como unha imposición normativa e chea de medo e
culpabilidade-...., son tarefas que temos que coidar e promover.
Que mellor que revisar como cada un de nós ten acollido esta
renovación que hai cincuenta anos invitaba a realizar o concilio, e que hoxe,
cincuenta anos despois, segue sendo para moit@s unha invitación descoñecida.
Como nos dicía Xoán Bautista no Evanxeo de hoxe: que facemos nós?. Busquemos
sinceramente a resposta para dignificar a liturxia, renovar as celebracións e
participar nesta preparación que cada vez nos achega máis ao Señor que vén, que
xa está a petar na porta. Abrámoslla!.
Remol
No hay comentarios:
Publicar un comentario