VII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO
A
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
Amarás o teu próximo coma a ti mesmo
Naqueles
días, díxolle o Señor a Moisés:
‑ Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles:
"Sede
santos, porque santo son eu,
o Señor, o voso Deus.
Non terás
odio no corazón ao teu irmán. Reprenderás o teu próximo, para non cargar co seu
pecado.
Non te
vingarás nin lles terás xenreira aos teus veciños.
Amarás o
teu próximo coma a ti mesmo.
Eu son o
Señor".
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12-13
R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente.
Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.
El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;
O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme aos nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.
Canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.
Segunda Lectura 1
Cor 3, 16-23
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus
Irmáns:
Non
sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se
alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de
Deus é sagrado e iso sodes vós.
Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún
que se crea sabio ao xeito deste mundo, fágase parvo, para volverse sabio de
verdade. Porque a sabedoría deste mundo é burremia diante de Deus.
Que está
escrito:
El pilla
os listos na súa propia astucia.
E tamén:
O Señor
coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.
De modo
que ninguén alardee apoiado nos homes. Porque todo é voso, certamente: tanto
Paulo coma Apolo coma Cefas; tanto o mundo coma a vida e coma a morte; tanto o
presente coma o futuro. Todo é voso; pero vós sodes de Cristo e Cristo é de
Deus.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Xn 2, 5
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
En quen garda a Palabra de Cristo,
verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus.
Evanxeo Mt 5,
38-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Amade os vosos inimigos
Naquel
tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Tendes oído que se vos dixo
: "Ollo por ollo e dente por
dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se
alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
A quen
queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a
quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide,
dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.
Tedes oído
que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu
dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes
fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre os malos e os
bos, e chover sobre xustos e inxustos.
Porque, se
amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos?
E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto
os pagáns? Daquela sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo