sábado, 22 de febrero de 2014

Lecturas

VII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO  A

  
Primeira Lectura     Lev 19, 1-2. 17-18
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
Amarás o teu próximo coma a ti mesmo

            Naqueles días, díxolle o Señor a Moisés:
            Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles:
            "Sede santos, porque santo son eu,
o Señor, o voso Deus.
            Non terás odio no corazón ao teu irmán. Reprenderás o teu próximo, para non cargar co seu pecado.
            Non te vingarás nin lles terás xenreira aos teus veciños.
            Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Eu son o Señor".

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12-13
R/  (8a):  O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme aos nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.

Canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.


Segunda Lectura     1 Cor 3, 16-23
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus
 
            Irmáns:
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.
            Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ao xeito deste mundo, fágase parvo, para volverse sabio de verdade. Porque a sabedoría deste mundo é burremia diante de Deus.
            Que está escrito:
            El pilla os listos na súa propia astucia.
            E tamén:
            O Señor coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.
            De modo que ninguén alardee apoiado nos homes. Porque todo é voso, certamente: tanto Paulo coma Apolo coma Cefas; tanto o mundo coma a vida e coma a morte; tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



ALELUIA    1 Xn 2, 5
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
En quen garda a Palabra de Cristo,
verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus.
Aleluia.



Evanxeo        Mt 5, 38-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Amade os vosos inimigos
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Tendes oído que se vos dixo
: "Ollo por ollo e dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
            A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.
            Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.
            Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.


                        Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario