"A fe devólvenos a nós tamén o corazón, posuido adoito polo espírito do malo, aínda que esteamos entre os ointes fieis e abraiados das palabras do Señor. Unha cousa é o abraio, outra a fe"
Foron moitos os que, segundo o evanxelista, ficaron abraiados diante dos feitos e das palabras de Xesús. Del deron en dicir que "ensinaba como quen ten autoridade e non coma os letrados". Disque o abraio é o alicerce da filosofía. Pampo ou perplexo, o home anda a procura das razóns do que ve cos seus ollos: "Que é isto? Ou, se cadra, como vai ser isto". A verdade entra polos ollos e chega ao corazón a xeito de pregunta. Non todo o que entra chega: isto é bo telo en conta. Para que o que entra polos ollos chegue ao corazón ten que haber corazón. Se non o hai, o abraio vaise dos ollos coma escuma que o mar deixou na praia e foise.
Foron moitos os abraiados diante das palabras de Xesús. A cantos se atopaban na sinagoga de Cafarnaum, letrados e ointes fieis da Palabra de Deus, cando Xesús se puxo a ensinar nela, apampounos a sua autoridade na maneira de ensinar. Ningún deles, porén, obedeceu a sua palabra. A verdade entrou polos seus ouvidos pero non chegou ao seu corazón. O seu abraio foi coma escuma na praia. E iso que eran ointes fieis da Palabra... Sabían oila e mais interpretala. Pero non obedeceron, non deron resposta ás palabras de quen lles falaba con autoridade. Pampos ao escoitaren as palabras non deron resposta á Palabra da que viñan as palabras.
A resposta da fe á Palabra de Xesús non veu dos fieis nin dos letrados, xuntos na sinagoga de Cafarnaum á hora do culto. Entre os ointes das palabras de Xesús o abraio foi coma escuma que deixa o mar na praia e vaise. "E cadrou que había naquela sinagoga un home posuido por un mal espírito...", lemos no Evanxeo. "E cadrou...": o que non tiña espazo na sinagoga, o que non tiña que xuntarse cos fieis, o maldito de Deus, cadrou que se atopaba alí tamén, no medio dos fieis e dos letrados. E cadrou que foi del só do que veu a resposta da fe. Púxose a berrar e no seu berro oiuse a voz de moitos dicindo: "Que temos que ver contigo?". Os moitos que berraban no home posuido polo mal espírito tiñan tan pouco que ver con Xesús como os fieis e os letrado co home que berraba dese xeito. Como o Espírito de Deus cos malos espiritos. Como a luz cas tebras.
O mal nunca chega só. Sempre chega con outros. Faise forte porque é complexo, enguedellado. Son moitos ó mesmo tempo. É unha mestura de sentimentos o que remexe dentro de nós. Por iso o home posuido por un mal espirito berra ca voz de moitos. Berra, non fala. O berro é unha mestura. O berro remexe os sentimentos dos ointes. No medio da mestura, porén, imos escoitar a resposta da fe: "Ben sei quen es ti: elo Santo de Deus". Xa non se oe un berro: agora escóitase unha resposta. Fala un, non moitos. A Palabra de Xesús xa non fica nos ouvidos abraiados, como a escuma. A Palabra de Xesús chega ao corazón do maldito, do non ointe, do non merecente. E o espírito obedece daquela o mandado de Xesús: "cala e bótate fóra dese home". Para que o que entra polos ouvidos chegue ao corazón ten que haber corazón. A fe devólvenos a nós tamén o corazón, posuido adoito polo espírito do malo, aínda que esteamos entre os ointes fieis e abraiados das palabras do Señor. Unha cousa é o abraio, outra a fe.