sábado, 26 de julio de 2014

Reflexión

Esa dignidade que posuímos todas as persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras, nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar, senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos -non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu cume na salvación –proximidade de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar, inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón que escoita, que Salomón, e con el todos nós, lle pedimos a Deus.

Xustificados nunha mesma dignidade, esta non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser partidarios exaltados da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais. Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián unha esperanza de dignificación do ser humano.Só deste xeito seremos capaces de atopar o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender, coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso, que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para todos/as. E  iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día para vivila e comunicala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario