domingo, 20 de julio de 2014

LECTURAS

DOMINGO  XVI  ORDINARIO  -  CICLO A
  

Primeira Lectura         Sab 12, 13. 16-19
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Impós penitencia sobre os pecados
 
            Non hai, fóra de ti, un Deus que coide de todas as cousas,
a quen teñas que xustificar que non xulgas inxustamente;
            Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,
e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
            Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder, confundindo a audacia dos que o coñecen;
así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio
gobernándonos con toda consideración,
pois na man tes o poderío cando queres.
            Con feitos semellantes ensinaches ao teu pobo
que ao xusto lle cómpre ser humano;
e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza
de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 85, 5-6. 9-10. 15-16a
R/.  (5a):  Ti, Señor, es agarimoso e indulxente.

Ti, Señor, es agarimoso e indulxente,
cheo de misericordia para os que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.

Os pobos todos que ti creaches
virán, Señor, adorarte,
virán honrar o teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti es o único Deus.

Pero ti, Señor, Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, cheo de misericordia e leal,
mira por min, apiádate.


Segunda Lectura     Rm 8, 26-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras
 
            Irmáns:
            O Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre; pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
            E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 24-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Deixade que as dúas medren ata a seitura


            Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
            Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
            Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
            Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
            E contoulles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
            Díxolles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
            Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
            Entón, deixando a xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
            Explícanos a parábola do xoio na leira.
            El respondeu:
             O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
            E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
            Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario