Utilizamos moito o
substantivo xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito
adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos demais-, os
nosos criterios, ou o que nos parece mellor;
senón que a xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas
con dignidade e merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios
parecidos aos nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade
sexa moi distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir
dánola a frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que
atopamos na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E dános a clave para entender a xustiza porque pon esta en relación cun actuar
humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas no que a
persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde os que
nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e facernos
a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da outra, para
non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde todo. Algo
disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre todos
imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e
que é casca. Ou o que é o mesmo, non
diferenciamos o fundamental do accesorio, o que nos está a traer
confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal, escoitar un informativo
ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia acostumamos a dicir que
a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar con estes
comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago, alí onde
estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta confusión e
desconcerto? Laiarse é doado, pero coller
o touro polos cornos e non ter
medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo
argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder a vergoña e non ter complexo de
inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe
ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo
verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar
de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten
rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar,
sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso
quefacer cotián!
Para poder ir
desenvolvendo este proxecto de Deus
artellado no binomio
xustiza/humanidade, é necesario sentirse forte, ou polo menos, con capacidade
de afrontalo sen medo nin vergoña pola nosa parte, cousa que non sempre somos
capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos un “plus” de forza que tamén nos
ofrece ese Deus que é comuñón para cantos cremos nel. A isto se refire Paulo cando lles escribe aos cristiáns de Roma, e lles di que
na debilidade, cando parece que todo se derruba, que nada vai quedando en pé
–pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos levar da desesperanza-,
o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa imaxe que Paulo nos
presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e coida, con grande tenrura
de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga oídos xordos á nosa
oración –“ata cando Señor …” dicimos no
salmo-, máis ben, somos nós os que endurecemos o oído para non prestarlle
atención á invitación que nos fai de seguilo. Falar entón do Espírito é falar
da forza que recibimos para afrontar retos, superar dificultades, manter
proxectos ou xerar ilusións. O Espírito, como forza e estada, sempre acode na
nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe que
rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor
esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón á
que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no
nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os
avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina
que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus.
Dispostos sempre a
deixarnos agarimar por esta presenza, ben seguro que atoparemos os folgos
necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir,
como diciamos antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e
aprender a descubrir que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea
moi de moda, o fagan todos, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe,
redes sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos
formarnos, reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir
aprendendo a construír sobre bos alicerces, ou sobre terreo ben abonado.
Distinguir o que humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre
é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non
confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula
mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou
repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van
camiñando tan á xunta que moitas veces,
se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e para evitar esa
confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio, necesitamos a mostaza.
Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco crecendo ata converterse
nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa vida: pequenos pasos que imos sementando desde a
xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito froito, e fagamos de
verdade reinado de Deus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario