sábado, 17 de noviembre de 2012

Lecturas


XXXIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura         Dn 12, 1-3
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
Naquel tempo será salvado o meu pobo

            Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo.
            Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro.
            Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna.
            Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza aos demais serán coma as estrelas por toda a eternidade.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 15, 5 e 8. 9-10. 11
R/.  (1):  Gárdame, Señor, que en ti busco agarimo.

Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.


Segunda Lectura     Heb 10, 11-14. 18
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que el santifica

            Irmáns:
            Todo sacerdote ten que estar decote a celebrar lo culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios, aínda que estes non poidan endexamais quitar os pecados.
            En troques, este sacerdote, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para sempre á dereita de Deus e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que Deus faga os seus inimigos estrado para os seus pés.
            Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que santifica.
            Ora, se hai perdón dos pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Lc 21, 36
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Vixiade, orando permanentemente,
para que poidades estar de pé ante o Fillo do Home.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 13, 24-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Congregou os seus elixidos de todos os puntos da terra

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumar,  as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
            Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
            En canto ao día e mais a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo       

No hay comentarios:

Publicar un comentario