sábado, 26 de enero de 2013

Lecturas


III DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C
  
Primeira Lectura     Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO  DE NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían

     Naqueles días, o sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
     Na praza que está diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
     O escriba Esdras púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.
     Entón Esdras bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.
     Os levitas lían no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que lían.
     Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo, dixeron a toda a asem­blea:
     Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).
     E engadiron:
     Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e leváde­lles tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/.  (Xn 6, 63c):  As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!


Segunda Lectura    1 Cor 12, 12-30
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo, onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
            Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós".         Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non precisan os honestos.
            Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
            Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
            Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus
ALELUIA    Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse esta Escritura

            Ilustre Teófilo:
            Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
            Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
            Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
            Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
            Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos cegos,
para lles dar liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano de graza do Señor.
            Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
-          Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario