sábado, 21 de febrero de 2015

LECTURAS

I DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B

  
Primeira Lectura      Xen 9, 8-15
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Alianza de Deus con Noé liberado das augas do diluvio

            Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
            "Vou establecer a  miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.
            Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
            E Deus engadiu:
            "Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL           Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (cf. 10): Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
                        para os que gardan a súa alianza.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.



Segunda Lectura     1 Pe 3, 18-22
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Agora salvouvos o bautismo

            Benqueridos irmáns:
            Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
            Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados, que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo lixoso,
senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita de Deus,
despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



VERSÍCULO    Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.



Evanxeo      Mc 1, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Era tentado por Satán e os anxos servíano

            Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
            O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario