sábado, 21 de febrero de 2015

REFLEXIÓN

*       Ter a oportunidade de dedicarnos un tempo para revisar as nosas actitudes e comportamentos, á vez que sentimos a forza e a axuda da comunidade para non sentírmonos solos neste camiño de ir deixando atrás o que sabemos que non só non fixemos ben, senón que ten ferido aos que tiñamos máis á nosa beira, é unha experiencia de graza e de verdadeira comuñón eclesial. Todos no mesmo barco e co rumbo en dirección ao bo porto que é a Pascua. Si, no mesmo barco, pero cada un nun compartimento distinto, porque non somos masa, senón persoas que, tendo un mesmo rumbo, imos concretando ese rumbo en opcións, vivencias, formas de actuar e decisións distintas. A grandeza da fe que compartimos non nos fai nen@s dirixidos a facer canto fan tod@s, senón persoas libres que acertan ou se equivocan ao tomar con responsabilidade o que queren ser ou facer. A fe, fronte ao que moitos pensan e din, non é ser grea que non sae do rumbo marcado, senón que é experiencia de pluralidade, diferenza e liberdade. Desde elas hoxe, o Señor, preséntase ofrecéndonos a salvación que somos chamad@s a acoller. Non sen pensar e ao chou, senón de maneira persoal, libre e responsable, sabendo que acollemos e por que acollemos. Deus non nos deixa solos, é verdade, pero somos nós os que temos que acoller o seu chamado. O acordo con Noé, non é un acordo sen esixencias, senón que pide unha decisión pola nosa parte na que mostremos que queremos, que estamos dispostos a deixarnos agarimar pola tenrura de quen fai de nós sempre dignidade e acollida.


*       Pero non han ser dignidade e acollida a calquera prezo, senón que a invitación lévanos a descubrilas a través da nosa maneira de facer as cousas, de tratar ás persoas, de non deixarnos levar polo engano, a mentira e a intolerancia. Deixar que Deus se faga presente na nosa vida supón que tamén nós estamos dispostos a facerlle un oco nela; a vivir sabendo que El está, a permitir que a luz do que son os seus guieiros vaia iluminando cada paso do noso camiño. E como ben di o salmo van avanzando desde a misericordia e mais a lealdade. Sabendo que non vivimos no mellor dos mundos, sendo conscientes de que coa ansia de poder, de dominar e machucar ao outro non imos polos seus camiños, senón que retrocedemos. Deixemos logo que a misericordia sexa non só unha palabra aprendida, e convertámola nun xeito de achegarnos aos demais, de curar corazóns feridos polo noso orgullo e as nosas palabras, para ser unha experiencia de encontro, alegría e de acollida de corazón de quen nos necesite. Se ás grandes palabras, e a misericordia si que o é, non lle poñemos imaxe, actitude e feitos, acaban baleirándose e sendo algo inútil. Non permitamos que nos pase con esta!.

*        Neste sentido os cristiáns temos un símbolo que expresa moi ben canto vimos dicindo no canto da coresma e da misericordia que Deus neste tempo volve a ofrecernos. Estamos a falar do bautismo. Contra o que ás veces pensamos, non é nin un rito nin un costume, senón a incorporación, froito da decisión libre e consciente, de querer ser do grupo dos seguidores de Xesús –no caso dos pequenos, son os pais e os padriños os que asumen esta decisión por eles, o que os obriga a pensar ben se queren ou non bautizar o nen@, xa que deben ser os primeiros mestres e exemplos da vida cristiá para aqueles que presentan á Igrexa para seren bautizad@s- e de estar dispostos a facer o camiño da vida desde as pegadas que El foi deixando e que recolleron no evanxeo os que o acompañaron. O bautismo, entón, é decisións libre, non comportamento cultural nin tradición. Os cristiáns non necesitamos ser moitos, o que necesitamos é ser boas persoas; facendo da bondade a resposta ao proxecto de salvación ao que nos chama Xesús. A coresma non é tampouco rito nin costume, senón un momento para que revisemos como estamos a responder a esta decisión de querer ser seguidores. O seguimento non se fai a distancia, senón coa vida de cada día, sabendo que o horizonte final non pode ser outro que a esperanza de resucitar con El, para estar na plenitude da súa compaña. Aquí está a salvación da que Pedro nos falaba ao dicir que o bautismo nos incorpora a este proceso que temos que ir desenvolvendo ata chegar onda El.


*        E como non sempre estamos nin dispostos nin preparados para facer este camiño, a coresma quere ser momento de conversión e experiencia de superación de frustracións e desilusións, para ir deixando que volvan xermolar as follas que traen a savia renovadora dunha vida que superou a dureza do inverno para deixarse acoller pola forza da primavera que sempre nos ofrece Xesús en forma de perdón, acollida e misericordia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario