domingo, 1 de febrero de 2015

Reflexión

  • Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e esmagado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o mesmo a moitos cristiáns que seguen a esgazarse as vestiduras mesmo diante dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.


  • Porén, Xesús atraía multitudes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.


  • A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos. Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é autoridade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario