viernes, 29 de junio de 2012

REFLEXIÓN


Non fixo Deus a morte nin se aleda co exterminio dos vivos: Aquí, nesta frase da primeira lectura está unha das afirmacións fundamentais da fe cristiá, e á que moi poucas veces lle prestamos a atención que require. Estamos moi habituados a reducir a fe a funerais, enterros, misas polos defuntos... todo o que di relación á morte. E poucas veces somos capaces de facer o esforzo por pararnos nos textos da Palabra de Deus e tentar de entendelos, buscar como os podemos poñer en relación co que facemos cada día, coa nosa maneira de facer e percibir as cousas. Así, temos esquecido que o Deus cristián é un Deus de vida e para os vivos; un Deus de esperanza, de solidariedade, de xustiza.... de igualdade. E estas non son afirmacións ao vento e baleiras de contido, senón fundamentos da fe que profesamos e queremos ou dicimos que queremos vivir cada día, persoal e comunitariamente. Diante da inxustiza, o empobrecemento, a exclusión, o desbarate, a manipulación e todos os contravalores e da debilidade de pensamento que ateiga neste momento a visión da sociedade e a vida de moitas persoas, a confesión de que cremos en Deus Pai supón tamén a confesión nun Deus que busca e alenta sempre a xustiza, o trato igualitario de uns para cos outros, a superación de calquera tipo de discriminación, imposición ou medo. Por iso dicimos que é un Deus de vivos e para a vida, un Deus que pon en nós a semente da graza para que non nos deixemos ir sen criterio, sen horizonte e sen principios á hora de tomar decisións sobre quen somos, que queremos e con quen estamos chamados a construír espazos de verdadeira, fraterna e solidaria humanidade. Cómo se vai aledar cando os que mandan impoñen os seus criterios aos máis pobres, aos indefensos, á vez que van deixando nas rúas vidas rotas e abocadas á máis absoluta desesperación?  Como non vai rebelarse contra comportamentos e actitudes de prepotencia, superioridade e humillación cara aos máis débiles? Como vai dar por bo o engano, ao abuso ou o aproveitamento da necesidade dos que están a pasar por verdadeiras situacións de explotación? A fe que nós cremos e rezamos non tería nin sentido nin valería para nada se non nos levase logo a aplicala na nosa vida, a canto facemos, ás decisións que tomamos, á maneira que temos de tratar uns cos outros. Por iso nin a morte pode ser a que peche todo o que somos e temos feito, nin a vida se ha identificar co que fan os que teñen poder, cartos ou capacidade de someter aos demais. Deus ábrenos un camiño, El mesmo se rebela contra a inxustiza e contra canto deu de costas ao seu proxecto para nós. Un proxecto no que caridade e xustiza van xuntas, non poden separarse. Unha sen a outra acabarían converténdose en puro paternalismo ou en violencia permanente duns, as vítimas, con outros, os verdugos, o que nos levaría á total destrución. Porque Deus non se aleda, tampouco busca o exterminio de ninguén, só camiñando xuntas a xustiza e o amor, respondemos á invitación de traballar pola dignidade humana.

*        Por iso Paulo nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a igualdade non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un compromiso, unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na casa, no traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificados co que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, todos os bautizados temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter? A igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do amor. Sen elas, todo se converte baleiro.

*        E esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue tódalas facetas nas que os seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero. Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera formulación que poida poñer en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. Os seguidores de Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico “saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario