A nosa voz ten que ser a voz de Deus. Mellor, debera ser a
voz de Deus. Si, porque a través do que nós imos dicindo, se verdadeiramente
tomamos en serio o ser crentes, tería que ir aparecendo no xeito de dicir,
facer e desenvolver as nosas relacións duns cos outros, o que son os valores e
as actitudes que van emanando da historia de amor que Deus, desde o comezo,
quixo vivir connosco: a historia da salvación. Unha salvación que non se xoga
nin nas nubes nin no ceo, senón no día a día no que nos imos atopando coas
nosas ilusións, as esperanzas, os fracasos ou as tristuras. No día a día no que
nos imos atopando con outras persoas –irmás– que viven situacións parellas ás
nosas, e que tamén agradecen que nos paremos, as escoitemos, ou lles botemos
unha man. Porque a través desta relación de reciprocidade é como podemos ir
escoitando a voz do Deus que nos fala, nos urxe ao amor, e nos chama a desenvolver
no noso andar cotián actitudes e comportamentos que alenten e fagan agromar e
medrar a esperanza. Non unha esperanza palabra, recurso ou tópico, senón unha
esperanza que fai que diante dos problemas e dificultades non nos veñamos
abaixo; que nas situacións difíciles saibamos buscar axuda e afrontalas; que
ante momentos nos que parece que non hai máis saída que o fracaso e a
desesperación lle prestemos atención á voz de Deus que nos segue a falar desde
a confianza e o realismo de que ás situacións hai que facerlle fronte sen medo,
e non escapar delas. Coma o pobo de Israel, tamén nós necesitamos abrirnos a El
e dicirlle con convicción profunda: “cando te invoquei, escoitáchesme”. Pero
non podemos escoitalo se pechamos ollos e oídos ao que pasa ao noso redor.
Descubramos a Deus no medio de problemas e dificultades, e unámonos na tarefa
de loitar por superalos.
En Cristo é onde atopamos con toda a súa claridade esta
confianza a modo de reciprocidade: de Deus para connosco, e de nós para con
Deus. Nel reconstruímos canto a nosa preguiza, o noso egoísmo, o desencanto que
tantas veces aflora na vida foi levándonos á tristura, o aburrimento, o
desinterese por todo o que supoña esforzo e loita. Cristo non é un personaxe
mitolóxico, tampouco un heroe de conto. Non. É un dos nosos, é coma nós. Asumiu
a nosa condición humana e sufriu os problemas, as dores, -tamén as alegrías-
dos que estaban ao seu redor. Pero non quedou aí, senón que nos tendeu unha
ponte, pola que nos invita a pasar, para que a reconciliación, a misericordia,
o perdón e o encontro sexan actitudes que poñamos en práctica e nos reencontren
con quen nos tiñamos afastado. O seu amor aprémanos, a súa liberdade é a nosa,
desde a súa luz vánsenos abrindo tamén a nós camiños de luz. Por iso non é o noso
quedar na tristura, nin na dor nin tampouco converter o engano, a corrupción, a
inxustiza, o asoballo... en luz. Non, todo isto nunca pode ser luz nin saír de
Cristo. E se nós queremos ser os seus seguidores, xa sabemos por onde temos que
camiñar: non cara á tebra, senón cara á luz. E só nel a podemos atopar.
Aprendamos a acollela.
E só a acolleremos se adoptamos o mesmo rumbo ca El. O
pedide e recibiredes, fainos caer na conta de que a oración non é un sen
sentido; tampouco unha perda de tempo, senón unha profunda experiencia de
confianza, encontro e diálogo, sempre desde a vida, desde o que nos pasa, con
aquel que é a razón da nosa esperanza. Non tentemos buscar a solución concreta
aos nosos problemas, coma se Deus fose tan inxusto para amañar os meus e
desatender os dos demais. Non. Busquemos atopar nel a forza desde a que abordar
as situacións, non sempre doadas, que a vida vai pondo no noso camiño; e desde
a nosa liberdade, sabendo que El é o caxato no que poder apoiarnos, avanzar
para dar resposta, solución e tamén sentido á nosa realidade. Desde esta
confianza temos que entender o pedide e darásevos ao que se refire Xesús.
No hay comentarios:
Publicar un comentario