sábado, 13 de septiembre de 2014

REFLEXIÓN

O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían, Tampouco era un enredante que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tantos misioneiros e misioneiras que poñen a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres, aínda que iso, como ben sabemos todos, os acabe levando á morte? É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo.


Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario