viernes, 10 de agosto de 2012

Comentario

Moitas persoas non acaban de aprender a quererse e aceptarse como son, o que as leva a vivir nunha continua autoestima baixa, sentíndose distintas: os patiños feos da súa contorna, coma se o seu ser persoas estivera a expensas do que fan os demais. E se non nos queremos a nós mesmos e non somos capaces de aceptarnos como somos, viviremos sempre nunha continua angustia e desespero. Algo así lle ocorría ao profeta Elías: tampouco confiaba nel e non era capaz de remontar a situación na que vivía, por iso desexa morrer: “quítame a vida, pois non vallo...”. Que expresión tan forte e dura. Que mal ten que atoparse unha persoa para que chegue a esa situación. Pero diante disto aparecen o sentido e a forza da fe. Cando dicimos que a fe non adormece conciencias, senón que as esperta e alenta, queremos dicir e destacar a importancia que ten na vida de quen quere vivir desde o que ela lle aporta e ofrece. Elías tamén acaba dándose conta desta situación, e atopa forza para superar o que poderiamos chamar a súa situación de depresión e desesperanza, do seu non quererse nin recoñecer o moito de bo que el, coma calquera de nós, ten e pode ofrecer aos demais. A vida como don recibido é unha invitación a responder a este don dándolle sentido e loitando para devolverlle a Deus canto puxo en nós sabendo aproveitala. É aquilo de poñer a render os talentos recibidos. Como lle di a Elías –senso figurado– tamén a nós nos di que temos que poñela a render porque sempre queda moito camiño, un camiño no que ao final non nos atoparemos coa nada e o sensentido, senón con Deus. Do mesmo xeito que en tempos difíciles Elías soubo dar un xiro ao seu desespero, tamén nós estamos chamados a facer o mesmo. A fe non é proclama dunha teoría abstracta na que nos deixamos manipular, senón presenza viva de sentido e salvación que nos converte en amigos de Deus.

Neste non deixarnos levar polo desespero, aparece como presenza de Deus a forza do Espírito que nos acompaña e alenta en toda situación. É verdade que moitas veces somos xordos e cegos para escoitalo e velo, pero El está, tal e como nos di Paulo na carta aos Efesios. O seu estar é todo un cambio de rumbo do noso xeito de facer as cousas; un cambio que supón cambiar carraxe -que difícil tantas veces!!-, en bondade, ou os berros e aldraxes en misericordia. Aquí é onde se nos mostra a frescura da fe e a súa forza para que a nosa vida non camiñe ao túnel escuro do sensentido, do non sei, non vallo ou non podo. Namentres nos quede capacidade de respirar, segue habendo unha posibilidade de cambiar as cousas e non deixarnos levar polas situacións que outr@s nos teñen marcado. Coma persoas libres afrontamos a realidade con decisión e capacidade de superación. A referencia témola en Cristo, e o camiño non pode ser outro máis có do amor. Nel está o verdadeiro recendo da vida.

A Eucaristía, “fonte e cumio“ da vida do crente, convértese no pan que vai alimentando este esforzo cotián por non deixar que outros nos leven: persoas, situacións circunstancias..., á vez que se presenta como alimento sen caducidade que fai fronte á tentación do abandono, de deixalo todo, de recuar. Nunha palabra, é o mellor antídoto contra o medo. Nela xuntámonos, escoitamos a Palabra, compartimos oración, sentímonos comunidade, e todo isto remite ao alimento no que se converte cando a recibimos para que Deus se faga carne da nosa carne e un dos nosos. É o gran que se fai presenza e entrega que esperta ao traballo de non calar diante da mentira, de denunciar o engano e non deixarse levar nin polo derrotismo nin polos camiños que outros, aproveitándose da nosa situación de debilidade, nos queren marcar para aproveitarse de nós. Pan vivo e alimento fresco que non cede á tentación da murmuración e crítica, senón que pasando por riba desta tentación convértese en referencia de encontro e fraternidade; impulso indignado contra calquera intento de utilización e engano do ser humano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario