- Inda que a celebración de hoxe é longa, non debemos deixar a
ocasión para tentar entendela, e deste xeito gozar de canto estamos a celebrar.
Comezabamos fóra, cousa que é excepcional na estrutura das celebracións da
Eucaristía. E faciámolo así para marcar ben o sentido do que estes días imos
celebrar os que nos chamamos seguidores de Xesús (para nós non son as festas de
primavera, senón as celebracións centrais da fe que compartimos e celebramos ao
longo de todo o ano): o camiño que vai da acollida á Pascua, pasando pola Cea
do amor e o servizo, e a Cruz do sufrimento e o fracaso. E que mellor que
expresalo cunha procesión que mostre que nos poñemos en camiño!. Ramos e palmas
son sinais de que estamos dispostos a acoller e facer desta acollida sinal do
que quere ser a nosa vida cotiá.
- Un segundo
aspecto a ter en conta hoxe é a proclamación da Paixón. Unha vez máis este
relato achéganos á persoa de Xesús en toda a súa humanidade. Encarnouse para
ser un de nós, dos nosos! A súa non foi unha simulación nin unha recreación a
modo humano, senón a que asumiu a nosa condición humana, “pasando por un de
tantos”. Un de tantos homes e mulleres que teñen sufrido –sofren tamén hoxe–
incomprensión, inxustizas, desenganos, abuso, engano... canto hoxe temos
escoitado nesta lectura é un situarnos cara a cara con todas as persoas que no
noso mundo, aparentemente tan avanzado e tecnolóxico, vense reducidas a cousas,
números ou obxectos cos que se xoga segundo os intereses de quen corresponda,
facéndolles perder todo o sentido de dignidade e humanidade que Deus puxo en
nós.
- E a terceira
idea que quizais nos poida axudar a entender mellor o sentido desta Semana que
hoxe comezamos, á que chamamos Santa, é que toda a celebración está formulada
para ser vivida, celebrada e realizado de xeito comunitario. Non vén cadaquén
ao seu, vimos xuntos para celebrar xuntos. Porque a fe é un agasallo que Deus
nos ten concedido para celebralo cos demais. Por iso é pulo, esforzo e comuñón.
Que desde ela saibamos vivir estes días como experiencia do misterio da vida
que todos estamos chamados a protexer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario