sábado, 14 de marzo de 2015

LECTURAS

IV DOMINGO DE CORESMA  -   CICLO B



Primeira Lectura    2 Crón 36, 14-16. 19-23
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DAS CRÓNICAS
A ira e a misericordia do Señor maniféstanse no desterro e liberación do pobo

             Naqueles días, as autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.
            O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía compaixón do seu pobo e da súa morada; pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo.
            Os caldeos conquistaron Xerusalén, incendiaron o templo, derrubaron a muralla, prenderon lume a todos os seus palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. Levaron consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa.
            Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.
            O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino:
            "Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. todos os dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 136, 1-2. 3. 4-5. 6
R/. (6a): Que se apegue a miña lingua ao padal, se deixo de pensar en ti.

Á beira dos ríos de Babilonia
sentabamos a chorar,
con saudades de Sión.
Nos salgueiros das ribeiras
penduramos as cítolas.

Alí os que nos desterraran
pedíannos palabras de cantares,
os nosos verdugos, himnos alegres:
"Cantádenos cántigas de Sión".

Como cantar un canto do Señor
estando en terra allea?
Se me esquecese de ti, Xerusalén,
que seque a miña man dereita.

Que se apegue a miña lingua ao padal,
se deixo de pensar en ti,
se non poño a Xerusalén
por riba de toda ledicia.


Segunda Lectura    Ef 2, 4-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Os que morrestes ao pecado, fostes salvados pola graza
 
            Irmáns:
            Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerenza) e resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para mostrarlles aos séculos vindeiros a desbordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.
            Porque vos salvaron por graza, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se poida gabar.
            Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facer obras boas nas que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.

Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 3, 16

De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.
 

Evanxeo    Xn 3, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus ao seu Fillo para que, por mediación del, se salve o mundo
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús a N
icodemo:
            - Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna.
            Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
            Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.
            Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras.
            Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois están feitas como Deus quere.


Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario