sábado, 14 de marzo de 2015

Comentario

Babilonia era o desterro, a separación, o fracaso como pobo disposto a non deixarse vencer pola influencia de canto facía que as persoas non fosen importantes, senón medios aos que aproveitar para sacarlles proveito. E nada mellor que sometelas, reducilas polo medo e a violencia ao que dispuxeran os que mandaban. Isto supúxolle a Israel volver coller o camiño do exilio, do desmembramento coma pobo, da pobreza e do sometemento. Inda que pasaron anos, hoxe, podemos dicir, que van aparecendo novas “Babilonias” que tamén pretenden someternos, dominarnos, facer de nós monicreques manipulables ao antollo das súas propias decisións. As babilonias de hoxe vannos quitando as ilusións, a confianza, o sorriso e a foza da palabra dada para introducir criterios de rendibilidade, e visións puramente en perspectiva económica -canto poida sacar de aquí– das persoas. Temos un número de identificación que vai solapando o noso nome e a nosa identidade. Péchannos en cifras ou en estatísticas. Pero non importa porque os que gañan, os de sempre, sacarán tallada disto. E os que quedan nas beiras –os descartes, como di o papa Francisco– son peóns necesarios que teñen que inmolarse para que as cifras cadren, os balances se publiquen e as palabras saian da boca dos poderosos de maneira engaiolante e sen ningún tipo de mala conciencia. O que vale son os resultados, mellor, os bos resultados. Inda que estes sexan a custa da dignidade e o recoñecemento das persoas, de todas aquelas ás que só se recorre cando veñan as eleccións e hai que xustificar un gran número de papeletas nas urnas. Israel, cando se deu conta do seu erro, tivo conciencia de que non podía quedar quedo, había que moverse e actuar. Non bastaba coa nostalxia de sentar na ribeira do río lembrando con morriña a súa terra. Na persoa de Ciro reflíctese o cambio de actitudes e a toma de conciencia para poñer un punto e aparte no que foi, para apostar polo que será, o que vai ser. Como a eles, tamén a palabra de Deus invítanos, neste tempo de coresma, a cada un/ha e nós a cambiar o rumbo, a ser protagonistas comunitarios de tódalas cousas que entre todos/as é posible realizar. O individualismo non leva a ningures, o traballo en común devolve as esperanzas e a dignidade que outros/as intentaron sacarnos. Poñámonos logo en camiño.



A farturenta misericordia da que fala Paulo na carta aos efesios, ha ser para nós pulo que nos faga mobilizarnos e superar a paralización na que tantas veces camiñamos. En Cristo ábrensenos unha visión e unha acción novas e profundas. Novidade e profundidade que supoñen un actuar limpo, sen medias verdades, sen agochar o que nos fai humanos e cheos de erros, sen pretender vendernos como se foramos inmaculados e sen tacha. Esta novidade que nos ofrece Cristo o que fai é humanizarnos, sen crernos os novos deuses, ou os novos salvadores. Sós non iremos nunca moi lonxe, coa verdade e en comunidade, si que poderemos camiñar acadando avances e logros de humanización, de felicidade e de salvación. Ser feitura de Deus é unha esixencia, un compromiso que pide de nós non converter a fe en algo accesorio, en rutina, en costume ou divertimento. A fe ha ser raíz desde onde abordar problemas e tratar de atopar en unión solucións desde a escoita plural de todos, aínda que non sexan dos “nosos”. Porque o seguimento de Xesús, foi, é e será un camiño que temos que percorrer sen cansar ata conseguir o maior dos bens: o ben común; que nós chamamos plenitude, resurrección e vida. Por aí han camiñar as nosas vidas, preocupándonos mais de acoller, acompañar e buscar puntos de unión que de xulgar, condenar e ter sempre a palabra na boca antes de escoitar o que a outra persoa está a dicir. Xesús foi mestre neste camiño. A coresma quere ser medio para volver a El logo de ternos apartado. Aproveitémolo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario