Camiñar na presenza do Señor non é sempre doado; é máis,
nunca é doado. E non o é non polas dificultades do camiño, senón pola tendencia
que todos temos á comodidade, a adecuar as esixencias da fe á nosa comenencia,
a facer do feito de crer un “bunker”, un coto, o noso, privado, no que nos sentimos
seguros porque facemos o que queremos, o que nos gusta ou o que menos esforzo
esixe... pero non o que Deus nos propón e invita a desenvolver. Cando actuamos
así, e facémolo todos e moitas veces, estamos a quitarlle á fe o que ten de
proposta nova e enriquecedora para a nosa vida, deixando que o insulso e o
repetitivo, o de sempre, as formas, o externo, o superficial … entren na nosa
vida como se fosen resposta ao que Deus nos pide. Que enganados estamos!.
Camiñar na presenza do Señor é encher a vida de froitos que se volven saborosos
cando poden ser degustados polos demais en forma de xustiza, colaboración,
diálogo, denuncia de todo engano, participación, igualdade, e todo canto leve a
descubrir que seguir a Xesús e ser cristián hoxe non é unha liga que se xoga
nos grandes estadios compostos pola fermosura das nosas igrexas e das nosas
imaxes, senón nos campos que están máis alá das portas das nosas igrexas, e que
fan que nos atopemos con persoas que só poderán descubrir quen é e que
entendemos por Deus grazas ao noso xeito de actuar, ao noso comportamento.
Somos conscientes disto?.
A clave de todo canto vimos dicindo témola hoxe na carta de
Santiago. Cando el escribe o texto está a correr entre os cristiáns un run-run,
ao que moitos facían caso, de que non pagaba a pena ser honestos, ser
responsables, ser xustos, denunciar inxustizas, esforzarse por facer ben as
cousas e pensar sempre nos demais. Que o único e verdadeiro era confesar, crer
en Xesús e esperar a que chegase o final para volver estar con El. E este
run-run ía cada día tan a máis que moitos dos cristiáns acabaran por separar a
súa vida -o que facían e como se comportaban cada día- da súa fe -do que crían
e rezaban-; o que dera lugar non só a un total desconcerto entre as
comunidades, senón a un afastamento da mensaxe que Xesús tanto se esforzara, e
o manifestara coa súa vida, por mostrar, ensinar e vivir. De aí que Santiago se
vexa na obriga de lembrarlles a aqueles cristiáns da primeira hora que se non
son capaces de darlle xeito e forma en comportamento ao que rezaban e crían,
todo acabaría por converterse en ermo e baldío. Algo así parece que nos está
tamén a pasar hoxe a nós. Dá a impresión de que non temos claro que o que
celebramos dentro dos templos e os sacramentos que recibimos se os separamos da
vida acaban por converterse en simple suma de ritos e costumes, sen forza
ningunha na nosa vida. E neste século XXI, os cristiáns ou saímos ás rúas, e co
noso actuar mostramos que nos supón e esixe crer, ou dificilmente as xeracións
máis novas poderán descubrir e entender quen foi e que fixo Xesús de Nazaré.
E a resposta volvemos atopala no Evanxeo que vimos de
proclamar. Tamén a nós se nos pregunta en quen cremos e por que cremos , e
temos que saber responder de xeito sinxelo e claro; pois a resposta ha ser
froito da fondura e da riqueza dunha vida vivida desde o seguimento e a
fidelidade á mensaxe do Reino, non só coa palabra e coas fórmulas dogmáticas,
canónicas e teolóxicas; moitas das veces incomprensibles e moi afastadas da
vida e dos problemas que cada día nos toca vivir, e polo tanto moi fóra do
mundo dos homes e mulleres de hoxe. Que o noso confesar que El é o Mesías,
saibamos expresalo non con seguridades que se escriben nos papeis pero logo non
se cren, entenden nin viven, senón con actitudes, comportamentos e valores que
convencidos van modulando a nosa vida e facendo de nós verdadeiras testemuñas
de Cristo Resucitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario