25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO B
Primeira Lectura
Sab 2, 12. 17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa
Dixeron os
malvados:
Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
Examinemos
se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
Se o xusto
é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
Poñámolo
na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia ao mal!
Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 53, 3-4. 5. 6 e 8
R/. (6b): O Señor é quen sostén a miña vida.
Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.
Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.
Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.
Segunda Lectura
Sant 3, 16 -- 4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que
cultivan a paz
Irmáns
benqueridos:
Onde hai
receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola
contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica,
sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen
finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
De onde
veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas,
que loitan no voso interior?
Degoirades
e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa;
combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e,
se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as
vosas cobizas.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tes
2, 14
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9,
30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro,
ha ser o servidor de todos
Naquel
tempo, Xesús e mais os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen
enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os
discípulos, dicíndolles:
‑ Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán;
pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
Eles non
entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a
Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
‑ De que viñades discutindo polo camiño?
Eles
calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante.
Xesús sentou, chamou polos Doce e
díxolles:
‑ O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o
servidor de todos.
Despois
colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
‑ Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me
acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario