sábado, 21 de diciembre de 2013

Comentario

Nas lecturas do Advento aparécennos os catro grandes protagonistas deste tempo: o profeta Isaías, que non cansa de invitar á conversión, a deixar atrás todo canto nos vai facendo seres insensibles e afastados de Deus; o precursor, Xoán, quen fixo da súa vida un testemuño de anuncio sincero e solidario da chegada de Xesús. Para el estaba claro que un novo tempo, unha nova xeira ía comezar, e non quería gardala para si, senón que o proclamaba para que outros o puideran oír e escoitar. A súa palabra non quería adormecer, senón espertar da medianía do que se fixo sempre, do que estaba ben visto, da comodidade que dá a seguridade de dominar e coñecer as cousas. Moi ao contrario, coas súas palabras, e tamén coa súa vida, cousa que é importante non esquecer, Xoán convertíase en referencia nada cómoda para os que mandaban. E así lle foi: cortáronlle á cabeza, pois os poderosos non gustaban das verdades que dicía. Coma Xoán, tampouco nós deberiamos ter medo a denunciar, coa palabra e coa vida, todo canto imos vendo que non é servizo, senón abuso, silencio, engano, coacción... e que vai facendo que os máis “vivos” -que non os máis listos nin os máis traballadores-, aparezan diante da opinión pública coma os grandes triunfadores e os grandes referentes a imitar. Xoán non deixa, unha e outra vez, de denunciar estes comportamentos aparentes que o único que fan é agochar a mediocridade de quen nin se esforza nin quere facer da súa vida un referente de solidariedade para os demais.

O terceiro gran protagonista dos textos que hoxe temos lido é María. Se nos fixamos ben, tal e como nola descobre o Evanxeo, nada máis lonxe dela que o arrouto, a irreflexión, o interese persoal ou o buscar quedar ben. Todo o contrario: María, dicindo si ao plan de Deus, complícase a vida. Unha complicación que lle traerá dor, tristura, incomprensión e ter que ver as costas de cantos a rexeitaban. A pesares disto, non recúa, non desanda o camiño nin se vai fóra do que pensaba que era o mellor. O seu “fágase en min” é mostrar ben ás claras cal era a súa opción fundamental e o camiño que estaba disposta a seguir... sen importarlle nin os comentarios, nin o baleiro dos veciños nin a burla por ser muller solteira. Vence prexuízos, cala bocas, e déixanos todo un regueiro de actitudes de servizo e presenza que pon ben ás claras que, a pesares das dificultades que sabía que lle ían vir enriba, estaba disposta a seguir cara adiante nese plan de amor e salvación que Deus, desde o seu si á encarnación do seu Fillo, nos estaba a ofrecer a toda a humanidade. Por iso podemos dicir que o seu foi un si de subversión, revolucionario e transgresor. Nada máis lonxe desa imaxe que nos teñen presentado de María como muller dócil, dominada, submisa e obediente. Ao contrario: rompe o molde do que era a muller naquel tempo, e comeza a presentar un novo molde para quen queira ser muller e cristiá neste noso tempo. Un molde que se vai conformando na liberdade, a igualdade, a independencia do varón e a reivindicación e presenza da muller nos lugares e momentos importantes da vida do seu Fillo. Que mellor testemuño para este remate do Advento que a actitude de responsabilidade e liberdade que leva a María a acoller a quen, desde o amor, abriu camiños de solidariedade sandante e esperanzada: Xesucristo, a quen nós queremos acoller cando chegue.   

Con Xosé péchase o cadro que nos foi abrindo este tempo de Advento. Neste cadro a súa persoa mostrase como confianza e sinxeleza. A pesares de que non entende moi ben o que está a pasar, e que a súa situación, como lle ía ocorrer a María, socialmente volvíase complicada (a partir de agora estaría na boca, na burla e na crítica dos veciños), e se queremos, tamén excluínte (deixaba de ser da grea, non fixera como terían feito calquera dos seus veciños e isto convertíao nun ninguén). A pesares diso, vence a tentación de escapar e acolle, escoita, comprende e acompaña a María. Canto temos que aprender deste home!. Coma el, hoxe nós somos invitados a non deixarnos levar dos prexuízos e a actuar desde as conviccións, o que pensamos que debe ser, inda que os demais digan o contrario. Ir contracorrente, ás veces, axúdanos a non esquecer en quen temos que poñer a nosa fe. Unha fe que non é consumo, gasto nin sorriso superficial, senón resposta esperanzada, solidaria e leda sabendo estar ao lado de quen nos precise.

No hay comentarios:

Publicar un comentario