sábado, 14 de diciembre de 2013

Lecturas

DOMINGO III DE ADVENTO  -  CICLO A


Primeira Lectura          Is 35, 1-6a. 10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Virá o mesmo Deus e salvaravos
 
Que se alegren o deserto e mais a terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
E os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.

               Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL        Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

R/. (cf. Is 35, 4): Ven, Señor, a salvarnos.
Ou: Aleluia.

O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.



Segunda Lectura           Sant 5, 7-10
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO
Afincade os vosos corazóns, porque está xa cerca a chegada do Señor.

Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.
Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.

                Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                           

ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.


Evanxeo           Mt 11, 2-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Es ti o que ha de vir, ou agardamos a outro?

Naquel tempo, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se escandalice de min!
Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
Que fostes ver ao deserto?: unha cana abaneada polo vento?
Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.


       Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario