sábado, 5 de enero de 2013

Comentario

Uns magos de oriente, uns estranxeiros, presentáronse en Xerusalén preguntando “...onde está o rei dos xudeus que naceu?. Miramos saír a súa estrela e vimos renderlle homenaxe...”, dinos o evanxeo de Mateu. Por entón, críase que o nacemento de todo gran personaxe na terra ía acompañado pola aparición dunha estrela no firmamento. A Xesús non lle podía faltar a súa. A estrela, sobre a que se lanzaron moitas hipóteses (un cometa, unha conxunción de planetas...), é un símbolo, o símbolo do Mesías, que conduce aos pagáns (os non xudeus) á luz da fe, feito anunciado polos profetas no Vello Testamento.

Os magos viñan de Oriente. Para un israelita, oriente pode ser todo o que hai ao outro lado do Xordán. Así, tal vez, foran orixinarios da tribo dos medos, que chegou a converterse en caste sacerdotal entre os persas; ou tal vez non. Dos magos soubemos (inventamos?) máis co tempo; pero nada disto aparece nos evanxeos. Desde o século II pénsase que eran tres, porque son tres os agasallos que lles ofrecen ao neno: ouro (regalo real), incenso (para o culto) e mirra (para unxir o cadáver o día da morte). No século VI bautizóuselles co nome de reis: Melchor (rei de Persia); Gaspar (rei de Arabia) e Baltasar (rei da India).

Máis alá de controversias, lendas e opinións, que fan que nos escandalicemos por parvadas, o importante da festa de hoxe é a universalidade. Moito lle custou (moito nos custa) ao pobo de Israel (aos cristiáns) saír da exclusividade da relación con Deus para compartir e descubrir que El se lle manifesta a todas as persoas, respectando culturas, crenzas ou formas de vida. Por iso nós que, coma os magos, vimos saír a súa estrela, estamos chamados a levar esta estrela ao portal de tantas persoas que, neste tempo de crise tan duro que estamos a sufrir, están deixadas de lado, discriminadas de calquera xeito, faltas de oportunidades de realización, sedentas de verdade, famentas de pan e luz, desexosas de xustiza, enfermas de desesperanza. Que máis dá se foron tres, cinco ou cen; se foron magos ou albaneis; se lle levaron agasallos ou comida quente.... O importante é que se puxeron en camiño cara Belén. Fagamos nós o mesmo e deámoslle ao Neno o mellor que temos: a nosa vida, para que El a alumee.
Remol

No hay comentarios:

Publicar un comentario