- Como lles custa a algunhas persoas, quizais tamén a algúns
dos que estamos hoxe aquí, deixarnos atopar; é dicir deixarnos querer e
agarimar polos demais. E tanto nos custa que, ás veces, parecemos toxos bravos
á hora de dar/recibir un bico, unha aperta ou unha caricia de parte de quen nos
quere e deste xeito busca mostrárnolo. Por que nos custa tanto, por que
escapamos das mostras de agarimo como se estas fosen malas ou trouxeran algunha
enfermidade? Diante disto, o libro da Sabedoría chámanos a esforzarnos por
deixarnos agarimar; pois no agarimo sinxelo e sincero sempre se fai presente a
achega de Deus. El móstrase por medio das persoas, e sobre todo neses momentos
cando máis as necesitamos. Aprender a ser maduros é sempre unha tarefa
inacabada, porque pouco a pouco e en cada momento imos percibindo situacións,
persoas ou testemuños que nos fan cambiar a perspectiva –moitas veces rutineira
e chea de prexuízos– sobre as cousas e as persoas. Por iso é tan importante o
que nos di esta primeira lectura: deixémonos atopar polos que nos procuran.

- O atoamento nunca ten bo final, tal e como acabamos de
escoitar no evanxeo. Quen sempre anda ás présas nunca ten tempo para nada; pero
tampouco nunca é capaz de facer nada ben porque sempre se sente inseguro,
ansioso e coa sensación de non ser capaz de chegar. Por iso cando é necesario
dar un paso adiante non é capaz. Porén, quen reflexiona, distribúe ben o seu
tempo, sabe valorar e dar prioridade, e esfórzase por non ser arroutado, é
capaz de ver a realidade desde outra perspectiva. Xesús hoxe dinos que esteamos
atentos e vixiantes para non converternos en atolados, senón en seguidores seus
asisados que non teñen/mos medo a afrontar retos nin a abrir camiños de diálogo
e encontro con quen quere facer do mundo casa común. Non podemos mirar atrás
–iso fixeron as atoladas”: abrídenos, somos nós, non nos recoñeces?”-. O noso é
mirar adiante, e iso supón camiñar con actitude vixiante, que non desconfiada,
para encontrarnos e facer cousas que nunca permitan que as persoas sexan menos
cos cartos, a ideoloxía ou as estruturas. Vixiemos logo para non caer nesta
tentación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario