sábado, 8 de noviembre de 2014

LECTURAS

XXXII Domingo: Dedicación da Basílica de Letrán - Festa


Primeira Lectura  Ez 47, 1-2. 8-9. 12
LECTURA DO PROFETA EZEQUIEL           
Vin que saía auga do templo e onde chegaba esta auga facía revivir todo o lugar
 
            Naqueles días, o anxo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que por baixo do vestíbulo do templo saía auga cara ao nacente, pois a fachada do templo daba ao nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ao sur do altar.
            Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ao nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.
            Entón díxome:
            - Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ao mar, quedarán de certo saneadas.
            E todo ser vivente que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
            Á beira do río, nunha marxe e noutra medrará toda clase de árbores froiteiras: a súa follaxe non murchará, e a súa froita non acabará, senón que cada mes dará unha nova colleita, pois as augas do río son as que saen do santuario; por isto a súa froita servirá para comer, e as súas follas servirán para remedios.

         Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL   Sal 45, 2-3. 5-6. 8-9
R/. (5):   As correntes dun río alegran a cidade de Deus, a morada santa do Altísimo.

Deus é para nós refuxio e forza,
axuda certa na angustia.
Por iso non tememos, aínda que a terra trema
e os montes se derruben no fondo do mar.

As correntes dun río alegran a cidade de Deus,
a morada santa do Altísimo.
Deus está no medio dela, non a poden abalar;
Deus vai socorrela ao despuntar o día.

O Señor dos exércitos está connosco,
a nosa fortaleza é o Deus de Xacob.
Vinde e vede as obras do Señor,
os portentos que realizou na terra.



Segunda Lectura   1 Cor 3, 9c-11. 16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sodes templo de Deus
 
            Irmáns:
            Vós sodes edificio de Deus. Na medida da graza que o Señor me outorgou, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces, outro edificou enriba.
            Que cadaquén olle como edifica. Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo.
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?
            Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

       Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   2 Cro 7, 16

Escollo e consagro este templo, di o Señor,
para que estea nel o meu nome eternamente.



EVANXEO   Xn 2, 13-22
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dicíao referíndose ao templo do seu corpo

            Naquel tempo, estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén.   Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores sentados; vai e facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
            - Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa de m
eu Pai unha casa de negocio.
            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".   
            Pero replicáronlle os xudeus:
            - Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            - Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            - Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.


           Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario