Nuns momentos nos que o primordial parece ser “conservar” e
non buscar con coraxe camiños novos para acoller, vivir e anunciar o proxecto
do Reino , cómpre que tomemos nota do recadiño que nos manda Xesús en forma de
parábola. Porque ninguén se atrevería hoxe a facer unha crítica tan radical ao
conservadurismo cristián coma a que fai El coa parábola dos talentos que vimos
de proclamar. Non podemos esquecer que o terceiro servo é condenado non porque
cometera ningunha maldade, senón por terse limitado a conservar esterilmente o
recibido, sen facelo frutificar.
non ao conservadurismo; si á creatividade
non a unha vida estéril; si á resposta activa a Deus
non á obsesión pola seguridade; si ao esforzo arriscado por
transformar o mundo
non á fe enterrada baixo o conformismo; si ao seguimento
comprometido que leva a ler os sinais dos tempos.
Porque é moi tentador vivir sempre evitando problemas e
buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a
vida, defender o noso pequeno benestar. De certo que non hai mellor xeito de
vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte.
E na vida de fe, sucede o mesmo. O noso maior risco non é
saír dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a
nosa fe e matar a frescura do evanxeo. Temos que preguntarnos que estamos a
sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos
sufrimento.... Velaí onde temos que poñer o acento e a intensidade, e non en
banalidades coma axeonllarse na consagración, rezar en latín, levar vestidura
talar ou botar unha chea de tempo diante do Santísimo.
Pero sería un grave erro presentarnos diante do Señor coa
actitude do terceiro servo: “Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o
proxecto do teu Reino, a túa mensaxe de amor cara aos que sofren. Conservámola
fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu
reino no mundo. Non quixemos correr riscos e vivimos na mediocridade e no
“sempre se fixo así”; pero aquí está intacto”. En realidade estas persoas non
se senten identificadas co Señor nin cos seus intereses. En ningún momento
actúan movidas polo amor, senón polo medo. E é precisamente o medo o que as
leva a actuar buscando a súa propia seguridade.
Hoxe o Señor tamén nos di a cada un e a cada unha de nós que
enterramos os talentos, os dons, as calidades coas que El nos bendiciu cando:
non nos sentimos chamados a seguir as esixencias de Cristo máis alá do ensinado
e mandado sempre non arriscamos nada por facer unha Igrexa máis fiel a Xesús
non asumimos a responsabilidade na nosa tarefa do reino nos mantemos alleos a
calquera conversión que nos poida complicar a vida vivimos unha vida
“relixiosamente correcta” sen arriscarnos a vivir o amor de xeito máis audaz e
creativo o medo ao fracaso non nos deixa seguir as aspiracións do noso corazón
non tomamos a iniciativa por medo a equivocarnos só buscamos o noso propio
proveito cando enterramos a nosa vida porque nos dedicamos a conservar a
virtude e a fe.
Arriscar, velaí a solución. Non é un camiño doado; pero non
hai outra se queremos comunicar a experiencia cristiá nun mundo que, aínda que
moitos profetas de calamidades se empeñen en negalo, está en continuo cambio,
si; pero está preñado da salvación de Deus. Hoxe tamén é tempo de salvación. A
fe é produto de temporada.... por que, entón, nos empeñamos en enlata ou
servila en conserva?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario