Podemos ignorala. Non falar dela. Vivir intensamente cada
día e esquecernos de todo o demais. Pero non o podemos evitar. Tarde ou cedo, a
morte vai visitando os nosos fogares arrebatándonos aos nosos seres máis
queridos.
Como reaccionar ante ese accidente que se nos leva para
sempre ao noso fillo? Que actitude adoptar ante a agonía do esposo que nos di o
seu último adeus? Que facer ante o baleiro que van deixando na nosa vida tantos
amigos e persoas queridas?
A morte é como unha porta que traspasa cada persoa a soas.
Unha vez pechada a porta, o morto ocúltasenos para sempre. Non sabemos que foi
del. Ese ser tan querido e próximo pérdesenos agora no misterio. Como vivir esa
experiencia de impotencia, desconcerto e pena inmensa?
Non é fácil. Durante estes anos habemos ir cambiando moito
por dentro. Fixémonos máis críticos, pero tamén máis vulnerables. Máis
escépticos, pero tamén máis necesitados. Sabemos mellor que nunca que non
podemos darnos a nós mesmos todo o que no fondo anhela o ser humano.
Por iso quero lembrar, precisamente nesta sociedade, unhas
palabras de Xesús que só poden resoar en nós, se somos capaces de abrirnos con
humildade ao misterio último que nos envolve a todos: «Non se turbe o voso
corazón. Crede en Deus Crede tamén en min».
Creo que case todos, crentes, pouco crentes, menos crentes
ou malos crentes, podemos facer dúas cousas ante a morte: chorar e rezar. Cada
un e cada unha, desde a súa pequena fe. Unha fe convencida ou unha fe vacilante
e case apagada. Nós temos moitos problemas coa nosa fe, pero Deus non ten
problema algún para entender a nosa impotencia e coñecer o que hai no fondo do
noso corazón.
Cando tomo parte nun funeral, adoito pensar que,
seguramente, os que nos reunimos alí, convocados pola morte dun ser querido,
podemos dicirlle así: “Estamos aquí porque te seguimos querendo, pero agora non
sabemos que facer por ti. A nosa fe é pequena e débil. Confiámoste ao misterio
da Bondade de Deus. El é para ti un lugar máis seguro que todo o que nós che
podemos ofrecer. Se feliz. Deus quérete como nós non soubemos quererte.
Deixámoste nas súas mans.”
José Antonio Pagola
No hay comentarios:
Publicar un comentario