domingo, 23 de noviembre de 2014

Reflexión

•        De novo a figura do pastor volve a aparecer nos textos que vimos de proclamar. Un pastor que pouco ou nada ten que ver cos pastores ao uso. Un pastor que agarima, acompaña, preocupase, entrégase. Un pastor que coñece e distingue, que sabe o que necesita cada unha das ovellas, e sabe acollelas e admitilas en toda a súa pluralidade. Canto non teriamos que aprender deste pastor?. Canto non teriamos que poñer en práctica das actitudes do pastor?. El nunca abandona, nunca lle da as costas, nunca se queda só coas mellores… Para El a igualdade é criterio fundamental no seu xeito de achegarse a elas. Como logo non nos vai levar aos pastos verdecentes!

•         Só un pastor que se comporta deste xeito pode ofrecer un reino onde non se viva nin se guíe por criterios de diferenza, discriminación ou acepción de persoas. Na súa casa cabemos todos: brancos e negros, altos ou baixos, ricos ou pobres, cultos ou incultos... ninguén queda fóra… porque El convoca a todos. Entendemos isto? Entendemos que construír Reino esíxenos seguir as súas pegadas e superar a tentación  de ir só cos nosos, cos que nos caen ben, cos que nos rin as grazas, cos que sempre nos aplauden, cos...  Se Deus é un en todos/todas, como nós non nos imos esforzar por facer o mesmo? Diante dun Deus así, e dicindo que somos os seus seguidores, non nos queda outra que ir facendo da nosa vida, no traballo, na casa, cos amigos unha tarefa permanente de construír Reino de Deus por medio das actitudes que nos achegan uns aos outros, e do compromiso por ser xustos, libres e sempre respectuosos –e sabemos que iso non é nada fácil– cos que nos cuestionan ou pensan distinto a nós.

•         E todo iso vainos levando ao cumio que nos presenta o evanxeo: “cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”. E este é o noso reto hoxe e sempre, o que nos pide romper cos convencionalismos, co que fan todos ou co que está de moda. Xesús veno dicindo desde hai dous mil anos, a mágoa é que os cristiáns non acabamos nin de darnos conta nin de entendelo. Por iso seguimos, no seu nome, ou sacando peito ou pensando que podemos enganalo a El como enganamos aos demais. Non tería feito falta ningún. Podemos nin ningún berro de indignación se os cristiáns, os que nos chamamos seguidores de Xesús, tomaramos en serio a súa palabra e a súa mensaxe. Porque desde ela non hai sitio para a mentira, o engano, a corrupción, o abuso, o aparentar o que non somos, o buscar quedar ben cos poderosos e machucar ata a extenuación aos pequenos e excluídos. Na lóxica de Xesús, e así debera ser tamén na lóxica de cada un de nós –pero tristemente non o é– non hai sitio para os que se rin do trato igualitario e da solidariedade de quen busca a xustiza e quere un mundo, un pais, unha parroquia ou unha familia mellor. Isto, e non é pouco, é que nos quere transmitir a festa de Cristo Rei que celebramos hoxe.


No hay comentarios:

Publicar un comentario