domingo, 23 de noviembre de 2014

LECTURAS

XXXIV DOMINGO: 
SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI DO UNIVERSO   Ciclo A



Primeira Lectura     Ez 34, 11-12. 15-17
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella

            Así fala o Señor:
             Velaí, eu en persoa virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
            O mesmo que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
            Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
é o meu Señor, quen fala .
            Buscarei a ovella perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei a feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
            Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.
            Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor:
            Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,
entre carneiros e castróns.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6
R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.

El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.



Segunda Lectura     1 Cor 15, 20-26. 28
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en todo

             Irmáns:
            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.
            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.
            E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.



Evanxeo     Mt 25, 31-46
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos outros
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.
            Entón dirá o Rei aos da súa dereita:
            Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun foras­teiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.
            Entón preguntaranlle os xustos:
            Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
            O Rei contestaralles:
            Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.
            E diralles logo aos da súa esquerda:
            Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, prepa­rado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.
            Entón tamén eles lle preguntarán:
            Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?
            El responderalles:
            Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
            Estes irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.


  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

No hay comentarios:

Publicar un comentario