sábado, 24 de noviembre de 2012

Lecturas


FESTIVIDADE DE CRISTO REI. 
DOMINGO XXXIV DO TEMPO ORDINARIO-CICLO B

Primeira Lectura    Dn 7, 13-14
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
O seu poder é eterno

Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.
Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.
O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 92, 1ab. 1c-2. 5
R/.  (1a):  O Señor reina vestido de maxestade.

O Señor reina, vestido de maxestade;
o Señor está vestido e cinguido de poder.

O mundo está firme e non abalará.
Consolidado está o teu asento desde sempre,
ti es desde a eternidade.

A revelación do Señor é verdadeira,
a santidade é o ornato da túa casa,
polos séculos, Señor.


Segunda Lectura     Ap 1, 5-8
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN
O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o noso Deus

            Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.
            A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.
            Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
            Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.


Evanxeo     Xn 18, 33b-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ti dis que eu son rei

            Naquel tempo, díxolle Pilato a Xesús:
            Es ti o Rei dos Xudeus?
            Xesús respondeu:
            Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
            Pilato replicou:
            E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
            Xesús contestoulle:
            O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
            Díxolle entón Pilato:
            Logo ti es Rei?
            Xesús respondeu:
            Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo        

No hay comentarios:

Publicar un comentario