Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei, que pecha o ano
litúrxico. Xesús acepta o cualificativo de Rei cun sentido totalmente distinto
ao dos romanos e xudeus. Para os romanos, rei era sinónimo de emperador ou
xefe, con todos os poderes. Para os xudeus, o Mesías era o rei esperado que
instauraría o reino de Israel. Porén, a realeza de Xesús responde ao proxecto
de Deus sobre as persoas e a sociedade, no que o rei é defensor do pobo, o que
imparte xustiza e defende os débiles.
Por iso
Xesús é rei ao longo do evanxeo, porque alimenta os pobres, cura os enfermos,
practica o servizo, rexeita o dominio e a violencia, dá testemuño da verdade,
implanta xustiza e entrégase ata o final pola causa do Reino. Inverte así os
valores da súa sociedade... e tamén da nosa. Temos que recoñecer e aceptar,
dunha vez por todas, que o Reinado de Cristo non é un reinado etéreo, senón que
é unha realidade que quere conseguir a transformación radical do mundo. Cristo
é un Rei Liberador, porque nos libera de todo aquilo que nos impide ser
realmente persoas:
§ Fronte ao afán
consumista que nos desvela e nos impide vivir, Xesús lémbranos que os ricos xa
recibiron o seu consolo, que quen pon o valor da súa vida no que posúe é un
insensato. A persoa vale por si mesma, pero se se ata ás cousas que se pagan, o
seu prezo serán os cartos.
§ Fronte das
estruturas que intentan reducir as persoas a un produto en serie, Xesús deixa
ben claro que leis e estruturas están ao servizo da persoa e non ao contrario.
O testemuño evanxélico non se dá a base dunha boa organización; o Espírito e a
liberdade, non as leis, son a base da nosa actuación.
§ Fronte aos
prexuízos que destrúen a paz das persoas, Xesús non ten inconveniente en comer
con publicanos e pecadores, sen facer caso das críticas “dos bos”, en falar cos
samaritanos, ou cos estranxeiros e en tratar con naturalidade as mulleres.
§ Fronte ao medo, que
nos paraliza e nos converte en monicreques, Xesús propón a liberdade do amor:
nin medo a Deus, porque é Pai - Nai; nin medo ás persoas, porque son irmáns e
irmás. Non ter medo a nada, confiando en Deus, que dirixe a historia cara á súa
plenitude.
§ Fronte á
escravitude de buscar o éxito doado, tan de moda no noso tempo, Xesús propón
buscar o único éxito que paga a pena: o do Reino de Deus. Diante da
posibilidade de converter pedras en pan, Xesús recorda que non só de pan
vivimos, senón da Palabra de Deus.
§ Fronte a
escravitude do mal, Xesús preséntase coma o liberador que trae o Reino do ben e
que nos encarga a nós, seguidores e seguidoras súas, a posibilidade de facer o
ben: pecado, enfermidades, demos, soidades... de todo iso vémonos libres se
entendemos que a relixión é unha proposta que dá sentido á vida.
§ Fronte á
escravitude de ver o mundo sen futuro, sen saída, nós afirmamos que Xesús xa
deu comezo a un mundo novo no que non haberá loito, nin choros, nin dor.
Xesús é o
liberador soberano e universal; o seu Reino é un Reino de liberdade e vida.
Nós, os seus discípulos, non podemos reducir a súa misión, a súa tarefa, a súa
mensaxe, a un simple culto externo; somos responsables de espallar a Boa Nova e
de traballar por facer presente o seu Reino de amor no mundo de hoxe, aquí e
agora. Con frecuencia, a frase “o meu reino non é deste mundo”, que vimos de
escoitar no evanxeo de hoxe, serviu para reforzar unha visión do cristianismo
espiritualista, coma se fose unha relixión que non debe preocuparse polas
cousas deste mundo. Moitos cristiáns pensan, de xeito erróneo, que canto máis
entregado se vive á tarefa do Reino, menos deben comprometerse en asuntos
sociais, económicos ou políticos. Porén, a frase que pronuncia Xesús comporta
unha distancia e unha ruptura, pero non entre o relixioso e o temporal, senón
entre a dominación e o servizo. O Reino de Xesús non é un reino de
arbitrariedade, privilexios e dominación, senón un reino de xustiza e de
servizo que estamos chamados a facer medrar no medio das persoas, das
institucións, da sociedade enteira.
A
sentencia “o meu reino non é deste mundo”, non debe levarnos á despreocupación
e á evasión, senón ao inconformismo. Unha igrexa preocupada por non ser deste
mundo deberá estar atenta a tomar distancia dos poderes influentes e a non caer
na falsa ilusión de fortalecer o reino de Cristo con diplomacia, poder,
cartos... Pero, ao mesmo tempo, se quere estar no mundo, coma Xesús, deberá
asumir que “onde estea a persoa sufrindo dor, inxustiza, pobreza ou violencia,
alí debe estar a voz da Igrexa, a nosa voz”. Oxalá sexa así.
Remol
No hay comentarios:
Publicar un comentario