Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces
culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente
inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus
está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis
que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha
responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre
aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e
salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e
responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.
Porque son demasiadas
as persoas que, confesándose cristiás, terminan por instalarse comodamente na
súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación
con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se
axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non
penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos
seus proxectos e intereses. A fe é para elas un costume, un reflexo, unha
medida de seguridade, unha relaxación persoal.
Na parábola dos dous
fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que
estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos
a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non
é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que
recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da
vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás
verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que
saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o
cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas
as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e
esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de
tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que
proporciona uns suculentos cartiños?, como temos a cara de “falar no nome de
Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas
celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é
que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón
dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a
saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?,
que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos
dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de
“xuntémonos e ide”.
Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que
se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con
máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa
sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as
prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario