sábado, 18 de agosto de 2012

Comentario


*        A vida de cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar, pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan. Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado momento e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos fixarnos, logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos sabios quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa vida madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir erros, a aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo ou para rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di o libro dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as columnas de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de actuar e facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo, podemos entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que nos afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un de nós somos únicos e irrepetibles.

*        Porque non somos feitos en serie nin temos que comportarnos de maneira uniforme en ningún sitio, e moito menos á hora de decidir sobre a nosa vida, podemos entender ben as palabras da carta de Paulo aos efesios. Mellor, non só entendelas, senón subscribilas, inda que teñan pasado dous mil anos desde que foron escritas. Si, porque ter tino, ser sensatos, aproveitar o tempo, non ser irreflexivos... son expresións que temos escoitado e utilizado nós mesmos moitas veces, e que poñen de manifesto o importante que é non actuar, inda que nos custe, de xeito arroutado, pois ademais de non levar a nada, acaba facéndonos sentir mal, con sensación de ternos equivocado. Nestes momentos nos que algúns se esforzan, e moito, en facernos crer que as cousas teñen que ser así e non poden ser de outro xeito, non quedándonos outra máis que a resignación, canto lle di Paulo a aqueles cristiáns de Éfeso ten para nós forza suficiente como para superar a tentación de deixarnos ir ou de escoitar os cantos de serea desesperanzados que día a día nos van chegando, para conseguir transformalos en actitudes activadoras de constancia e esforzo que nos leven a encarar o momento presente, -difícil e duro, para que negalo!-, non desde o pesimismo de que non hai outra, senón poñéndolle tino ao que escoitamos, sensatez ao que facemos e reflexión á complexa realidade na que vivimos inmersos. Se dicimos que a fe hai que rezala en comunidade e celebrala dentro dos templos; tamén dicimos que é necesario vivila no medio do mundo, no día a día cheo de contrastes e situacións ás que é necesario poñerlle os rostros de tantas persoas para as que estes momentos están a resultar difíciles e lles van provocando a exclusión e o esquecemento, como se foran simples números en estatísticas, esquecendo que son persoas, coma nós, ás que non podemos nin esquecer nin virarlle as costas. O seguimento de Xesús, as convicións de fe, maniféstanse desde o íntimo que un cre, pero móstranse no actuar con verdade e sinceridade á hora de vivir. É aí onde verdadeiramente mostramos a vontade de Deus.

*        O discurso do Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón, no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano, a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario